Catro son as persoas detidas nas últimas semanas en Galicia pola súa presunta relación coa actividade incendiaria. É moi probable que sexa unha parte mínima dos implicados, por sí ou polo interese de segundas ou terceiras persoas, nesa actividade que tanto dano e tanta dor causan nos monte galegos e, de paso, nas vivendas e leiras da veciñanza á vez que nos traballadores cuxo labor primordial é apagar as lapas que todo o devoran.
Todo ese dano causado vése incrementado estes días polo que deberá sen unha bendición para a terra: a auga que reduce a posibilidade de novos lumes forestais, que amplía o número de metros cúbicos de auga embalsada, a auga que combate a seca; mais, tamén, a auga que arrastra aos ríos e aos areais as cinzas de todo o que, durante este a piques de rematar verán de 2022, se queimou. Cinzas que, como néboa nos camiños, mata nos criadoiros das rías a ameixa, berberecho, zamburiña, navalla, etc., que permiten a pervivencia de numerosas familias mariñeiras desa Galicia que rexeita o lume provocado por aqueles que nada perden cando premen o chisqueiro ou deixan na veira dun camiño ou unha estrada un aparello incendiario que levantará lapas de trinta ou máis metros que se irán estendendo hectáreas e máis hectáreas ata acabar coa obra iniciada hai ducias de anos para repoboar montes nos que só o toxo era materia de valor, amáis de o ser a herba que o gando libre aproveitaba para o ser máis aínda.
Benvida, auga. Pero que non incremente o mal ocasionado xa polo lume. Benvido, sol, pero non estrague máis o que xa está estragado. Que os mariscadores aproveiten o pouco que nos bancais queda após a praga de furtivos que, con pás e cubos de plástico, apañaron “inocentemente” o que sementaron as mans de homes e mulleres -especialmente estas- con toda a esperanza posta no futuro inmediato tantas veces truncado polo lume provocado.
Non nos perdamos nos camiños nevoentos que conducen a ningures.