Quen queira achegarse á nosa rica cultura marisqueira e pesqueira e achegarse ademais dende unha óptica sustentábel, ten unha boa oportunidade para facelo este días na Casa da Cultura de Portosín, que acolle dende o mes de agosto a mostra Arte da mar, impulsada no marco da terceira fase do proxecto Econoia, Coidamos do noso mar.

A exposición, conformada por pezas da cultura mariñeira atopadas en bancos marisqueiros e elaboradas a partir das crebas atopadas nas xeiras de limpeza litoral, levadas a cabo dende Econoia, dá visibilidade a este propio proxecto e ofrece sensiblización sobre a problemática do lixo mariño. A exposición é unha iniciativa itinerante que xa percorreu outros concellos da nosa contorna. Poderá visitarse este mes de setembro, de martes a domingo, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Econoia vén da man da Confraría de Pescadores de San Bartolomé de Noia, contando coa estreita colaboración da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, das Redeiras de Portosín, da Asociación A Creba, da AEP (Asociación de Empresarios de Portosín), do Museo Marea e da Xunta. Ao seu abeiro e do Plan Marlimpo, lévanse retirado 65.000 quilogramos de lixo mariño na ría de Muros e Noia dende 2020, o que equivale a 469.904 obxectos. Este labor de limpeza e concienciación proseguirá na vindeira campaña marisqueira (de setembro a abril do ano que vén), con seis xornadas de recollida de lixo, clasificación e inventario de refugallos nas que participarán até 256 profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro da contorna.