Concertos, exposicións e citas operísticas e literarias marcan a axenda cultura de Rianxo neste inicio de setembro

A Área de Cultura do Concello de Rianxo compartiu a axenda de actividades para este inicio de setembro: o programa de espectáculos, concertos, presentacións literarias e exposicións organizados dende Cultura do Concello así como aquelas outras propostas organizadas por outras entidades culturais. A axenda comeza este venres coa presentación do libro Galeóns, vapores e motoras de Manuel Gago Pérez e prosegue o venres e sábado coa preestrea da ópera electrónica en galego Papagena.

-Venres 2 de setembro

19:00 h – Auditorio de Rianxo. Presentación do libro Galeóns, vapores e motoras de Manuel Gago Pérez, que trata da historia da pasaxe na ría da Arousa.

-Venres 2 e sábado 3 de setembro

21:00 h – Auditorio de Rianxo. Preestrea da Ópera Papagena, unha ópera contemporánea de Iago Hermo, producida por ButacaZero, logo da súa residencia escénica no Auditorio de Rianxo. Entrada de balde ata completar capacidade. Retirada de convites, dende unha hora antes das funcións.

-Sábado 3 de setembro

12:30 h – Auditorio de Rianxo. Acto de apertura da exposición de arte naiveEmocións, da autoría da artista holandesa afincada en Rianxo Karin Kuijper. A exposición poderá verse no Auditorio entre os días 3 e 31 de setembro. O acto de apertura contará cunha breve intervención musical de Barahúnda.

-Do 5 ao 19 de setembro no Auditorio de Rianxo, primeiro andar

Mostra dos traballos presentados ao I Certame de Creación de Títeres, promovido por Titiribeira e Somos Rianxo. Durante a mostra o público visitante poderá escoller os seus monicreques preferidos e emitir o seu voto para as distintas categorías do certame.

-Sábado 10 de setembro

20:00 h – Auditorio de Rianxo. Festival de Corais de Arousa e Ulla, coa participación da Rondalla de Cariño, a Coral Polifónica La Salle (Santiago) e Coral Polifónica Abraira de Asados. Organizado polo Centro Cultural Simón Varela de Asados e a Coral Abraira

-Sábado 10 de setembro (no marco das Festas da Guadalupe), na praza Castelao

22:00 h – Verbena Sinfónica. A Banda da Escola de Música de Rianxo iniciará a verbena desa noite cun concerto sinfónico cantado por Silvia Ferre e José Manuel Domínguez, que se reúnen anos despois de coincidiren na orquestra Gran Parada. Unha verbena co moito sabor rianxeiro e cos arranxos orquestrais do compositor Antón Alcalde.

23:30 h. Roi Casal en concerto co seu proxecto Descubrindo a Habana Galega. Actuación enmarcada no Programa Rede Cultural promovido pola Deputación da Coruña

-Xoves 15 de setembro (no marco das Festas da Guadalupe), na praza Rafael Dieste

21:30 h – Noite Folc – Feirón Mariñeiro Coa participación dos grupos Tres Pesos, Fiandola e Pan Sen Fron.

Nota: Informar tamén de que foi adiada a observación astronómica A Vía Láctea e outros motivos Xacobeos do Camiño, prevista para este xoves 1 de setembro (xa que non se dan as condicións climatolóxicas favorábeis).