COGAMI xa deu de alta a máis de 750 persoas da nosa comarca na súa bolsa de emprego

A confederación inclusiva COGAMI fixo balance do seu traballo despegado na nosa comarca (Barbanza incluíndo a contorna de Noia) en materia de inserción laboral de persoas con diversidades funcionais e cognitivas: quince anos de intenso traballo que se saldaron coa alta de máis de 750 persoas na bola de emprego, das que case medio milleiro conseguiron un posto de traballo. Así nolo conta Javier Lamela, orientador laboral na nosa contorna dende 2007 e profesional do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI.

Lamela explica que o traballo que se leva a cabo nos concellos de Barbanza (en espazos concretos como o Centro da Terceira Idade de Boiro, o local de Misela en Noia ou o Auditorio de Rianxo) consiste en atender ás persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual, persoas dos concellos de A Pobra de Caramiñal, Boiro, Lousame, Noia, Porto do Son e Ribeira que están desempregadas ou que buscan unha mellora de emprego. A meta, explica, é “que consigan un posto de traballo, e durante o percorrido deste camiño potenciar o seu perfil profesional realizando itinerarios personalizados de cara á inserción laboral”.

Como dixemos, durante estes quince anos de traxectoria laboral nestas comarcas, Iván Lamela deu de alta na base de datos do servizo de emprego de COGAMI a 763 persoas, das que lograron inserirse no mercado laboral un total de 471 persoas ao longo deste tempo. Estes logros chegaron tras “un intenso traballo de sensibilización tanto social como empresarial”, explica, engadindo que “para optimizar a contratación de persoas con discapacidade é preciso reforzar a colaboración coas empresas, fomentar que as de máis de 50 persoas traballadoras cumpran a Lei de contratación de persoas con discapacidade e que as administracións locais se impliquen máis”.

A visión da discapacidade foi evolucionando nos últimos anos, de ser un colectivo totalmente illado con escasas ou nulas oportunidades, “a día de hoxe podemos subliñar que as persoas con discapacidade son parte activa na busca de emprego, se ben segue sendo necesario traballar a visión da discapacidade tanto na sociedade como no mundo empresarial”, describe Iván Lamela quen, na súa opinión, “a formación é unha ferramenta necesaria que serve como reciclaxe ao longo da vida laboral”.

A día de hoxe, na bolsa de emprego das comarcas de A Barbanza e Noia hai 515 persoas inscritas como demandantes de emprego que, por concellos distribúense deste xeito: A Pobra do Caramiñal 12% persoas inscritas; Boiro 27% persoas; Lousame conta con 3% persoas; en Noia hai 26% persoas; en Porto do Son 6% persoas e en Ribeira hai inscritas na base de datos 26% persoas como demandantes de emprego. O perfil predominante das persoas usuarias destas comarcas son home, entre 41 e 55 anos e con estudos primarios.