As Festas de Santa Uxía, as celebracións patronais da Ribeira, veñen este ano cunha completa programación cultural integrada por concertos, sesións DJ, verbena, unha exposición e funcións infantís, entre outras citas que despiden a tempada de verán na cidade entre o venres 9 e o 12 de setembro, festivo local.
O párroco Alfonso Mera e a concelleira de Cultura María Sampedro deron a coñecer a axenda programada, destacando a inauguración (na noite do venres) dunha nova exposición no Centro Cultural Lustres Rivas coa XIII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, a Segunda Ruada do Traxe Aires de Dorna promovido pola Asociación de Amas de Casa ou os concertos que Nena Daconte e Broken Peach van ofrecer na noite do sábado na explanada do porto.

A axenda inclúe sesións DJ, con actuacións dos locais Planet Discomóvil e DJ Mateo Abelleira o venres en Bandourrío e Planet Discomóvil e DJ Matrek o domingo na explanada do porto, en tanto que o sábado estará aos pratos o DJ vigués Gainza. Tamén haberá verbena coa orquestra canaria Furia Joven e, para o público familiar, un Festivaliño con cine, música en directo e teatro, dous espectáculos de maxia a cargo de Martin Camiña e Galicia Ilusiona, e unha tarde de inchábeis na última xornada.
O propio luns a partir das 12h será a misa solemne na honra de Santa Uxía que, se o tempo o permite, terá lugar no adro do templo e a praza de Porta do Sol. A continuación celebrarase a procesión acompañada da banda de música de Lousame, que ofrecerá unha actuación ao finalizar.
Amais de todo o devandito, entre o sábado e luns a praza de España albergará a feira GastroMar Ribeira, co obxectivo de enxalzar e degustar os nosos produtos pesqueiros e marisqueiros.
Venres 9 de setembro
• 10:00 21 bombas de palenque anunciarán o comezo do día.
• 18:00 h Festivaliño. Cine, música e teatro. Público infantil e familiar, Praza do Concello.
• 21:00 h Inauguración da mostra XIII Bienal de Pintura Eixo Atlántico, no Lustres Rivas.
• 21.30 h Ruada a cargo da charanga Bicoia, por toda a cidade.
• 23:00 h Planet Discomovil e DJ Mateo Abelleira, en Bandourrío.
Sábado 10 de setembro
• 10:00 21 bombas de palenque anunciarán o comezo do día.
• 18:30 h II Ruada do Traxe Aires de Dorna,
• 23:00 h Concerto de NENA DACONTE no Malecón.
• 00:15 h Pequeno Espectáculo Pirotécnico, no Malecón.
• 00:30 h Concerto de BROKEN PEACH no Malecón.
• 02:00 h Actuación DJ GAINZA no Malecón.
Domingo 11 de setembro
• 10:00 21 bombas de palenque anunciarán o comezo do día.
• 11:00 h Ruada a cargo do Grupo de Gaitas Tahume de Olveira
• 13.00 h Rúas musicais con Amores de Barra na praza de España.
• 21.00 h Maxia Caldeirada de Lingua de Martín Camiña, na Porta do Sol. Patrocina Rede DAC
• 22:30 h Verbena a cargo da orquestra canaria Furia Joven no Malecón.
• 00:00 h Planet Discomóvil e DJ Matrek, no Malecón.
• 01:00 h Verbena, segundo pase de Furia Joven, no Malecón.
• 02:15 h Planet Discomóvil e DJ Matrek, no Malecón.
Lus 12 de setembro, Día de Santa Uxía
• 10:00 21 bombas de palenque anunciarán o comezo do día de Santa Uxía.
• 11:00 h Ruada a cargo do Grupo de Gaitas Tahume de Olveira
• 12.00 h Misa solemne na honra de Santa Uxía, no adro da Igrexa e praza de Porta do Sol. A continuación procesión acompañada da Banda de Música de Lousame Prudencio Romo.
• 13.30 h Actuación da Banda de Música de Lousame, no adro da Igrexa.
• 14:00 h Rúas Musicais con SabelasNotas no García Bayón.
• 17.00 h Inchábeis Infantís, na praza do Concello, ata as 20:30 h.
• 20.30 h Espectáculo de maxia Galicia Ilusiona, na praza de Porta do Sol.
Gastromar Ribeira. Degustación de Produtos do Mar
Sábado 10, domingo 11 e luns 12.