A Real Academia Galega vén de iniciar unha nova tempada da serie de micropezas audiovisuais O Seminario de Onomástica responde, na que os especialistas do citado seminario divulgan o valor da toponimia como patrimonio inmaterial e afondan no significado, na historia e nas curiosidades que rodean algúns dos nomes de concellos, aldeas e lugares de Galicia. A primeira entrega, dedicada ao lugar de Eirapedriña, no concello coruñés de Ames, xa pode verse en academia.gal, na canle de Youtube da RAG e no portal Toponimia de Galicia.
Segundo informou a Real Academia, a tempada ten como novidade a gravación dalgúns episodios no propio territorio. O académico Ramón Lorenzo é un dos protagonistas da proposta, lanzando un convite a percorrer a xeografía da súa nenez e dando a coñecer a súa casa natal, en Eirapedriña, e a súa parroquia, Bugallido. Outros dos lugares que visitará a serie este ano son A Cebola e O Allo, no concello de Zas, da man do académico correspondente Xosé María Lema; ou A Coruña, co académico electo Gonzalo Navaza.
Nos vídeos xa publicados, os membros do Seminario de Onomástica achegan ao público o significado de lugares como Viana do Bolo, Portomarín ou Córgomo, lugar do concello de Vilamartín de Valdeorras que este ano se converteu no epicentro da lingua galega por ser o lugar de nacemento de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado en 2022 co Día das Letras Galegas.
O resto das pezas, ata un total de vinte que se han publicar ao longo do ano, serán conducidas polos académicos de número Antón Santamarina, Ana Boullón, Ramón Lorenzo e Gonzalo Navaza; os académicos correspondentes Xosé María Lema e Luz Méndez; e o coordinador técnico do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo. Os especialistas achegarán as diferentes hipóteses que se formularon para o topónimo A Coruña, cal é a relación que manteñen os lugares do Allo e da Cebola no Concello de Zas; como influíu o Camiño de Santiago na denominación de Paradela ou por que Ribeira ten de se escribir con “b”, entre outras cuestións.
O Seminario de Onomástica responde é unha serie formada por pezas audiovisuais de curta duración na que os membros do Seminario de Onomástica da RAG achegan as principais hipóteses sobre a orixe e significado de diferentes topónimos do país, quer sexa sobre o nome dun concello quer dunha parroquia ou dunha aldea.
A día de hoxe son máis de 30 os vídeos que se publicaron pertencentes a esta serie e están dispoñíbeis na canle de Youtube da Real Academia Galega e no portal Toponimia de Galicia. Neles pode descubrise xa o significado de Nigrán, A Gudiña, Cabana de Bergantiños, Chantada, Boiro, Dozón, A Mezquita, Sober, Ames, Rois, Laxe, Sarria, Melide, Baiona ou A Maía.