A I Xornada de Pesca de Ribeira puxo o foco nos novos fondos FEMPA e a nova Lei de Pesca

Este venres 9 de setembro desenvolveuse en Ribeira a primeira edición da Xornada de Pesca de Ribeira. Celebrouse no auditorio da Escola Náutico – Pesqueira do paseo de Coroso, da man da Sociedade Cooperativa Galega do Mar (Santa Uxía OPP83) con financiamento da FEMP, a Unión Europea e a Xunta de Galicia. A inauguración da xornada, que foi obxecto dunha gran afluencia de público, contou coa participación de Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira, María José Casais, xerente da OPP83 e Pedro Riveiro, director da Escola Náutico – Pesqueira.

A situación dos novos fondos FEMPA e a nova Lei de Pesca foron dous dos principais piares das sesións incluídas na xornada, moderadas por David Fernández Villar, xornalista e presentador do programa Vivir O Mar da TVG.

Hector Villa, María José Casáis e Silvia Solís

A primeira intervención foi protagonizada pola subdirectora xeral de Sustentabilidade Económica e Asuntos Sociais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Silvia Solís, quen deu ca coñecer que o obxectivo do Goberno central é ter aprobado o novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) antes de que finalice o ano. Ademais Solís deu a coñecer que estes novos fondos céntranse en catro prioridades: medio mariño, acuicultura, desenvolvemento local e a Gobernanza.

Manuel Ruiz Rivas, María José Casáis, Rosa Quintana e Antonio Basanta

Silvia Solís tamén destacou que os novos fondos contarán cun investimento real de 1120 millóns de euros e salientou, no capítulo de novidades, que o apartado de paradas temporais e definitivas recoñece aos pescadores de a pé e que as paradas poderán ser ampliadas a 12 meses.

O segundo en intervir foi Héctor Villa, subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas da Unión Europea do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Villa centrou a súa intervención na nova Lei de Pesca, que, segundo dixo, nace do impulso político e que non se trata dunha renovación total da Lei do 2001, senón que “esta nova Lei o que busca é mellorar os aspectos da anterior e, por enriba de todo, o ben común do sector”.

Trala pausa para o café xornada retomouse coa intervención de Antonio Basanta Fernández, director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, quen avogou por “unha lexislación comunitaria de consenso social”. Basanta dixo que a Estratexia de Biodiversidade 2030 non ten en conta moitas variábeis o que trae consigo unha distorsión no sector. Basanta pide que as medidas sexan aplicábeis e asumíbeis.

O último en intervir foi Alberto Martín Arestín, responsable sénior de pesqueiras MSC España/Portugal. Martín lembrou que o principal obxectivo desta ONG é certificar pesca sustentábel das pesqueiras na actualidade. Os principios de MSC son: a sustentabilidade do sector, os impactos no ecosistema e a xestión efectiva. Ademais, dende MSC, teñen como principal piar comunicar de forma positiva a actividade das pesqueiras con contan con este selo de pesca respectuosa co medio. Martín destacou que na OPP 83 de Ribeira xa contan co certificado para pescar anchoa e tamén están en proceso de certificación da sardiña ibérica.

As xornadas foron clausuradas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, que na súa intervención dixo que “queremos unha Galicia máis verde e máis azul no presente e adaptada ao futuro” ademais Quintana agradeceu á organización desta xornada “xa que soamente con estes traballos como o desta mañá seremos capaces de acreditar que Galicia quere seguir sabendo a mar”.