O SÉCULO XIX
Evidentemente, como consecuencia da aplicación das sucesivas leis de Desamortización, polas que, entre outras cousas, quedan extintos os padroados de leigos e a aplicación de fondos destinados ao mantemento de capelanías como ao cumprimento de mandas pías, é cando canto patrimonio queda citado ―retablo, asento, monumento funerario, tarima, armas e brasóns― devén en falta de mantemento, ruína e destrución xeral.
En fase posterior contrátase un novo retablo, o terceiro documentado, que chega aos nosos días. Con especial intensidade a partir de 1870, ou sexa na época do desestanco do sal, a localidade da Pobra do Caramiñal constitúese nun porto de escala para o tráfico mercantil peninsular e de Ultramar e en núcleo da industria pesqueira, de salgaduras e conserveira. Tempo dun enxame de especuladores foráneos, fomentadores cataláns asentados nos areais, a distancia física, clasista e emocional da poboación local e dunha veciñanza de familias de pescadores e operarios que «transformaron en los más miserables individuos de la nación», en expresión dun ilustre contemporáneo seu, don Xoaquín Díaz de Rábago, tomada de La industria de la pesca en Galicia, ensaio escrito na Pobra en 1884, publicado como libro en 1885.
Os progresos desta localidade porteña e a procura de consolo espiritual ante as cuitas da vida das súas xentes traduciríanse no restablecemento canónico da Confraría do Carme en 1816 e, entre as empresas de proxección comunitaria desa irmandade, unha vez máis o encargo e dedicación dun retablo dedicado á súa patroa. Certamente, xunto cos petitorios pola veciñanza, son as esmolas das embarcacións as principais accións provedoras de fondos para acometer esta sorte de obra suntuaria: «La piedad también de ordinario levanta su porción: la Virgen del Carmen, querida de los navegantes, y á quien invocan en los momentos de mayor angustia cuando la mar se abre y parece derrumbarse el cielo, la Virgen del Carmen tiene su palangre marcado, libre de todo gasto; y el producto de cuanto ese palangre pesca inviértelo la tripulación en actos de culto».
O libro Inventario de la Iglesia parroquial de la Puebla del Deán y su anejo Sta. Cruz de Lesón, año 1895 infórmanos do «Altar ó retablo del Carmen, hecho y pintado recientemente, por hallarse viejo y completamente deteriorado el primitivo altar. Dentro de su camarín, con puerta de cristal, se halla la imagen de la SS ma . Virgen del Carmen con la del Niño Dios en brazos, ambas de bulto, con coronas de plata, teniendo la Virgen además una diadema de plata dorada. En la parte superior del retablo hay la imagen de la Peregrina y las de dos santos, cuyos nombres se ignoran; todas de bulto y recientemente pintadas».
Con meirande precisión, diremos que se trata dun moble litúrxico de trazas historicistas e exorno de gusto neorrenacentista, executado por gubias do círculo de obradoiros de escultura e marquetería formados na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela. Recordemos que entón a arte sacra e a formación de artesáns en oficios tradicionais dinamizaron a capital galega, e na súa área de influencia, a numerosas empresas e a centos de traballadores. Asistimos neste retablo a un traballo de corrección académica, ben realizado, pero sen bríos.
Segundo o epígrafe anotado na súa cornixa «ESTE ALTAR SE HIZO Á ESPENSAS [de la] MARINERÍA Y PUEBLO. AÑO DE 1895», sendo cura párroco don Manuel Segade Lorenzo (1857-1905) e don Manuel Soler Rutllá coadxutor. Non obstante, entre 1952 e 1953 sería desmontado e sufriría unha reubicación, procesos que implicaron unha transformación parcial cando menos na zona dos gardapós. No tránsito dun e outro ano obrouse o derribo da capela medieval para construír a actual, ampliando o perímetro e o alzado do recinto, rompendo o muro lindeiro da capela da Transfiguración ou de Sacro (1605) para abrir un arco de comunicación interior entre ambas ―á dereita segundo miramos― e tapiando a fiestra situada sobre o panteón da Casa de Aguiar, privando de luz natural á capela da Soidade (s. XVI) ―á esquerda segundo miramos―. Gravísima alteración dun gran monumento perpetrada sendo cura párroco don Serafín Rivera Verdes (1941-1957), que a deixou desprovista das súas antigüidades máis notables.
Este retablo componse de mesa para oficiar, predela con sagrario, corpo único de tres rúas e ático. Tendo sido aproveitadas boa parte das tallas relixiosas do anterior moble barroco. Desafortunadamente foron suprimidos todos os escudos das Idades Media e Moderna, e só no friso da mesa de oficios e no frontón de peche exhibe representacións do escudo da Orde de Nosa Señora do Monte Carmelo. Pola súa parte, as piastras e panos que estruturan os flancos do camarín onde acubilla a imaxe da Virxe do Carme decóranse con motivos de inspiración clásica; acantos, anxos, bucráneos, cintas, cráteras, follas, elementos dispostos simetricamente, isto é, a candelieri. Xa no ático, dúas tallas de santos carmelitas, alzadas sobre peañas, serven de acróteras en torno a un fornelo central cuberto con forma de vieira, pensado para albergar unha reverenciada imaxe da Virxe Peregrina procedente do seu extinto santuario. Un superficial estudo da iconografía deses dous santos permite identificalos.
Trátase dos célebres relixiosos San Juan de la Cruz, doutor da Igrexa Católica e fundador da Orde dos frades descalzos ―canonizado en 1726 por Benedito XIII― e de San Simón Stock, outro dos personaxes centrais da historia do Carmelo, a quen se lle atribúe ser testemuña da aparición da Virxe, recibindo de mans de María o santo escapulario do Carme con esta mensaxe de consolo: «Toma, hijo querido, este
escapulario… quienquiera que muera portándolo, no sufrirá el fuego eterno. Es la muestra de la salvación, una salvaguardia en peligros, un compromiso de paz y de concordia».
Como dicimos, todas estas imaxes proceden do antigo retablo do século XVIII, así o delatan os seus deseños barrocos e a súa unidade iconográfica fundamental, só rota coa reempregada talla da Peregrina, pois o propio sería unha efixie de Santa Teresa de Jesús, monxa, reformadora e fundadora da Orde de Carmelitas descalzas ―declarada patroa de todos os reinos de España en 1618 e de España en 1812, iso si, sempre xunto co Apóstolo Santiago―, coa que encaixarían os frades San Juan de la Cruz e San Simón Stock. Escultura que sabemos perdida.