A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) activou este luns 5 de setembro unha campaña con tres obxectivos básicos complementarios: primeiro, impulsar e reivindicar o comercio local; segundo, distinguir e recoñecer a fidelidade da cidadanía cos establecementos de proximidade; e terceiro, axudar ás familias, nesta costa de setembro, a sobrelevar a escalada de prezos do combustíbel. Todos estes ingredientes e algún máis conforman a campaña Este setembro enchemos o depósito do teu coche, que se desenvolve até o 24 deste mes e a través da cal sortearanse 10 depósitos de gasolina de 100 euros cada un, acompañados doutros tantos lavados premium.

Os detalles da iniciativa foron presentados por Daniel García, presidente da ABE, o alcalde José Ramón Romero, e a xerente da Estación de Servizo Garlou, Marga Loureda.
O presidente da ABE destacou que “estamos ante unha innovadora campaña que tenta axudar ás familias cun dos gastos mais comúns de cantos teñen que afrontar nestes tempos”. García animou aos clientes a participar nunha campaña que, como vén sendo habitual, desenvolverase coa axuda dos dispositivos tecnolóxicos: cada cliente deberá realizar unha compra en calquera dos establecementos asociados e logo facer unha foto do tícket ou factura e rexistrala na web www.abe.gal.
Pola súa parte, o alcalde de Boiro quixo poñer en valor “o traballo que desenvolve a ABE a prol do tecido empresarial local” e animou aos responsábeis da patronal “a seguir traballando nesta liña que conta co apoio e colaboración do Concello”.

Os premios entregaranse nuns bonos ABE especialmente deseñados para a ocasión que se poderán gastar soamente en gasolina na Estación Garlou de Boiro, empresa asociada a ABE, cuxa xerente, Marga Loureda, agradeceu “a posibilidade que nos brinda a asociación de colaborar nunha actividade de promoción comercial que vai a redundar nos veciños da localidade”. Ademais destacou que a colaboración da empresa esténdese co “obsequio a cada un dos gañadores dun lavado de coche premium que poderán utilizar na mesma estación de servizo”.
Complementando esta campaña e co obxecto de “achegar a imaxe das empresas asociadas aos veciños e visitantes” colocáronse nas rúas de Boiro dous tótems de 2,5 metros con feitura de cubo que ostentarán a imaxe da campaña, o nome comercial de todas as firmas socias e varias bandeiras promocionais da iniciativa Enchemos o depósito do teu coche.
A campaña está co-financiada pola Xunta de Galicia.
