As altas temperaturas posiblemente foron a causa que provocaron a avaría na válvula do sistema de refrixeración, que foi reparada polo persoal cualificado co apoio dos Bombeiros.
Varias persoas, ao fío das tres desta tarde, contactaron co 112 Galicia para informar dun cheiro moi intenso a amoníaco que lles provocaba proído nos ollos e na garganta. Todos eles aseguraban estar ben sen requirir asistencia por parte dos profesionais sanitarios. Así mesmo, os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade, comunicaban aos xestores de emerxencias que eles e a Policía Local tamén recibiran numerosas chamadas de particulares que alertaban do mesmo cheiro. Ademais, os tripulantes dunha embarcación de recreo que navegaba pola zona, tamén aseguraban de ver unha mancha no mar.
Así, tras comunicar que os efectivos de Protección Civil e a Policía Local se desprazaban ata o lugar para comprobar se había algún tipo de vertedura que puidese chegar ao mar, o 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, co fin de evitar que a posible vertedura puidese chegar ao mar. Do mesmo xeito, os xestores do 112 informaron ao Servizo de Garda Costas e Portos de Galicia, aos Bombeiros de Boiro, aos técnicos municipais, á Garda Civil, ao servizo de Medio Ambiente e de Sanidade Ambiental da Xunta de Galicia.
Tras chegar ao lugar, os Bombeiros e a Policía Local confirmaron que se trataba dunha fuga de amoníaco, en estado gasoso, procedente da conserveira situada no pobo de Esteiro, na localidade de Boiro.
Con todo, tras atallar a fuga, os Bombeiros precisaron que a avaría se debeu a que a válvula de seguridade do sistema de refrixeración, situado na mesma cuberta do edificio, saltou por presión, posiblemente, debido ás altas temperaturas alcanzadas.
Desde Salvamento Marítimo e do Servizo de Garda Costas de Galicia, que mobilizaron dúas embarcacións, descartaron a existencia de vertedura no mar.




