O alcalde, José Ramón Romero, presentou esta mañá o Proxecto de modernización do Centro Comercial Aberto de Boiro polo que o Concello de Boiro vén de recibir unha subvención dos fondos Next Generation. O alcalde estivo acompañado de outros concelleiros do goberno, Raúl Treus, Marcos
Fajardo e Carlos Muñiz, que explicaron aos comerciantes as distintas liñas de actuación que engloba o proxecto e como deben facer para adherirse e beneficiarse das mesmas.
O Concello de Boiro recibiu unha subvención por importe de 237.641 euros da Secretaría Xeral de Industria, dependente do Ministerio de Industria e Turismo, financiada con fondos Next Generation UE, para o impulso comercial e a modernización mediante a transformación dixital sostible nos mercados
municipais.
A través desta liña de axudas o Concello de Boiro vai levar a cabo diversas actuacións que teñen como finalidade a promoción e o impulso do comercio local no municipio. Entre as actuacións que contempla o proxecto e das que se poden beneficiar os comerciantes e que o alcalde explicou hoxe aos asistentes á reunión, están a formación en marketing dixital, servizo de posicionamento SEO, servizo de envíos por paquetería, adquisición de bolsas téxtiles e envases compostables, emprego do punto pack…
Ademais, o proxecto contempla unhas actuacións de mellora no Mercado Municipal de Boiro, que o alcalde presentou aos praceiros a pasada semana nunha xuntanza con todo o colectivo; a implantación de sistemas de recollida e reciclaxe de embases, a instalación de puntos wifi e recarga de vehículos eléctricos ou sistema de bonos para comercios.
Para poder beneficiarse destes servizos, os comercios interesados deben adherirse ás bases que serán publicadas nas vindeiras semanas e que estarán a disposición das persoas interesada na web municipal e taboleiro de anuncios logo da súa publicación Boletín Oficial da Provincia.
