O Concello de Boiro promove unha nova ruta guiada polos pasais do río Coroño

O Concello de Boiro, a través de Oficina de Turismo, promove unha nova ruta guiada polos pasais do río Coroño. Realizarase o vindeiro domingo día 4 de setembro. A ruta forma parte do programa Boiro Facendo Camiño.

Dende a Oficina de Turismo explican que “ante a alta demanda dos roteiros guiados que o Concello de Boiro realizou no mes de agosto, ampliamos a oferta e incluíuse unha nova ruta, desta vez un domingo”. Será o dia 4 de setembro, con saída ás 10.00 horas dende a porta principal da Casa Consistorial.

Esta semana vaise levar a cabo o roteiro guiado pola ruta dos Muíños do río Breiro, que será este xoves 25 con saída ás 10.00 horas. As inscricións para as dúas actividades están abertas e poden facerse de xeito presencial na Oficina de Turismo de Boiro, no teléfono 981 84 26 54 ou no enderezo electrónico turismo@boiro.org.