O Concello de Boiro despide ao Club de Piragüismo Rías Baixas antes da súa participación no Campionato do Mundo de Barco Dragón


O Concello de Boiro despediu ao equipo do Club de Piragüismo Rias Baixas que o vindeiro martes parte á localidade checa de Racice para disputar o Campionato do Mundo de Barco Dragón. A concelleira de Deportes, Dores Torrado, estivo cos remeiros na tarde deste xoves 25 de agosto antes do seu adestramento para desexarlles sorte.

O equipo partirá o martes que se disputará en Racice entre o 1 e o 4 de setembro, con probas en distancias de 200, 500 e 2.000 metros na modalidade de 12 e 22 padexeiros e padexeiras, que se rema en modalidade mixta coas mulleres do equipo nacional.

“En Boiro o piragüismo é un deporte en alza, durante o verán as escolas deportivas tiveron preto de 200 nenos e nenas e, con esta nova modalidade, fomentase tamén a inclusión no deporte, ao estar adaptado a persoas con distintas capacidades”, afirmou a directora de Relacións Institucionais de JEALSA, Margarita Hermo.

A concelleira felicitou ao club por este gran paso “un broche de ouro para a gran tempada que levan realizando tanto o equipo feminino como o equipo masculino do club e estou segura de que farán un bo traballo”. Tamén salientou que se trate da primeira vez que o club participa nun campionato do mundo nesta modalidade de barco dragón. E engadiu: “A participación nesta proba, cun equipo formado por persoas formadas no club, é o resultado do esforzo de moitos anos de apostar pola canteira, o deporte base e as escolas deportivas”, afirmou Dores Torrado.