A concelleira do BNG en Ribeira, Cruz Rivadulla Márquez, rexistrou unha iniciativa para habilitar unha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida no entorno da praza da Amarella.
Desde o BNG argumentan que “o Goberno local ten a obriga de garantir a accesibilidade universal”, por iso instan a que todas as actuacións que se promovan a nivel municipal teñan anchos de beirarrúa suficientes para que as persoas poidan transitar a pé, en cadeira de rodas ou carros de crianza sen ter que baixar á calzada.

Segundo Rivadulla a zona da Amarella é unha das moitas que ten o municipio nas que as persoas con mobilidade reducida teñen serios problemas para transitar por ela porque ten unha pendente considerábel e ademais as beirarrúas son moi estreitas e están en mal estado. “Nesa contorna viven persoas maiores con problemas de mobilidade cuxos familiares, cando teñen que recollelos ou deixalos na casa, non teñen onde deixar o coche por iso queremos que se habilite unha praza para que poidan facelo comodamente”, detallou.
Desde o BNG consideran que é “unha demanda razoábel” habilitar unha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida no entorno da praza da Amarella que “permita que as persoas con dificultades de mobilidade poidan subir e baixar do coche con seguridade”.



