Nava Castro enxalza a singularidade do Noia Harp Fest na súa presentación

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou este martes 2 de agosto na presentación do Noia Harp Fest, acto que debullamos neste medio reflectindo as actividades programadas nas cinco xornadas de celebración. Castro enxalzou este acontecemento musical como o máis importante do eido instrumental do Noroeste peninsular na súa categoría, e destacou a importancia do programa dos Concertos do Xacobeo, no que xa participaron máis de 500.000 persoas desde o pasado mes de maio.

Na súa intervención, Nava Castro lembrou que o Noia Harp Fest desenvolverase entre os días 3 e 7 de agosto, este festival presenta un cartel conformado por artistas internacionais chegados de lugares como Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña, Polonia e tamén contará con instrumentistas galegos.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia incidiu na orixinalidade deste festival, como mostra da gran variedade de espectáculos cos que Galicia está celebrando este Ano Xacobeo, gracias ao cal “arpistas de renome internacional como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán ou Kora Jazz Trío acompáñannos nesta celebración”.

O Noia Harp Fest, que forma parte dos Concertos do Xacobeo, celebrarase con entrada libre nas sedes habituais do festival, como son a Praza do Tapal ou a Igrexa de Santa María A Nova, mais tamén este ano sumarase o Teatro Coliseo Noela como un dos espazos referenciais.