En Ribeira o Concello emprégase a fondo na posta a punto dos colexios antes do inicio do curso
O Concello de Ribeira fixo balance dos traballos que está a despregar este verán para poñer a punto os colexios do termo municipal de cara ao vindeiro curso. Trátase de distintas actuacións de mantemento e mellora que roldan un investimento global de 162.000, sendo executadas algunhas delas a través da brigada municipal de obras ou dos servizos de conserxería e outras contratadas exteriormente.
Por centros educativos, entre os traballos que se están a acometer no CEIP O Grupo, en Santa Uxía, destacan a reforma da entrada do colexio (escaleiras e pórtico) para propiciar a accesibilidade, así como a reparación da instalación eléctrica da zona infantil. Tamén se pintou recentemente o muro da escola (neste caso os labores foron realizados polo alumnado de pintura industrial do obradoiro de emprego Tahume VII).

No Colexio de Deán Grande pintouse na fachada un segundo mural e están pendentes pequenos traballos como a colocación de estores opacos nunha das aulas dianteiras, a instalación dun grigo con sensor nun dos baños infantís ou a colocación de zapatas para a instalación dunha pérgola no patio.
No Colexio de Artes vaise substituír as fiestras dunha aula, ademais doutras accións como o pintado de varios espazos do edificio ou o arranxo de portas e manchas de humidade.
No centro da Capela, en Carreira, está prevista a pavimentación da zona posterior ao edificio, mentres que en Pé do Corniño en meses pasados a brigada municipal realizou obras dirixidas a poder reformar e ampliar a súa biblioteca escolar.

En canto ao CEIP Frións, entre as actuacións emprendidas polo Concello destaca a execución dunha nova acometida de saneamento, mentres que a Consellería de Educación da Xunta procedeu á súa renovación integral cun investimento de 650.000 euros.
No Colexio de Olveira está contemplado o pintado dunha aula e dos corredores do andar baixo, así como o cambio de lámpadas en diversos espazos, labores de mantemento e pequenas reparacións.
En Heroínas de Sálvora, de Aguiño, operarios da brigada proceden a instalar senllas tarimas en dúas clases do inmóbel, e tamén reparáronse varias zonas con humidades.
Por último, no Colexio de Palmeira vaise reparar o chan do ximnasio e cambiar o chan dos corredores e as gomas das escaleiras que se atopen en mal estado, ademais doutras accións como a colocación dun valado protector lindeiro coas casas ou a mellora do aglomerado na entrada ao centro.