O Concello de Ribeira vén de licitar os traballos para mellorar a funcionalidade e a operación nas instalacións de pretratamento de augas residuais do Polígono Industrial de Xarás, situadas no Touro.

O proxecto comprende a construción dunha cámara de desareado previa á estrutura de desbaste e cámara de carga do emisario, así como o recrecido da cuberta para dispoñer dunha maior altura libre (de 8,46 a 9,66 metros) que facilite os labores de mantemento.
Amais, contémplanse actuacións adicionais relativas á adaptación de pasarelas, varandas, elementos de acceso e conexións de conducións á nova xeometría proxectada para o conxunto da cámara de carga e pretratamento do emisario.
A subvención concedida pola Xunta ascende a 116.612 euros, IVE incluído, e conta cunha subvención de Vicepresidente Primeira da Xunta. O prazo de execución da obra son catro meses.
As empresas interesadas dispoñen ata o día 8 de setembro á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).
Modificación do bombeo en Pedra Pateira
Ademais do devandito, o Concello fixo saber que se vén de licitar outra actuación para emprender modificacións na estación de bombeo de augas residuais situada en Pedra Pateira a través da instalación dunha nova bomba centrífuga antideflagrante que “mellorará a operatividade desta infraestrutura”. Ten un prezo base de licitación de 26.811 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de dous meses. O prazo de presentación de ofertas remata o 5 de setembro.