Juan Caballero.- Baixo o patrocinio de Dominga Sabín e Jacinto Hernández, presentouse unha nova edición do Trofeo Pitusa Sabín, que alcanza a súa VIII edición no mecenado de ambos os socios do Real Club Náutico Portosín, o seu organizador, cumprindo XXXIV anos como Mar de #Finisterre, a regata máis emblemática da entidade social e deportiva de Portosín.
Coa presenza de ambos os promotores, recentemente chegados desde Estados Unidos, a cita foi presentada no Salón Principal do Real de Portosín, sendo o seu comodoro, Fernando González, condutor do acto.
Ademais, contou coa presenza de Manuel Deán, concelleiro de turismo do Concello de Porto do Son; Isaac Gaciño, patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín; e Pepa Castro e José García, directivos do club.
“Esta regata forma parte dos tres circuítos máis importantes da clase cruceiro no noroeste de España, ao ser puntuable para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia, para o Campionato de España e para a Copa de Galicia de Clubs”, explicaba González no inicio do acto de presentación.
“É por iso unha regata única, xa que na nosa comunidade non hai ningunha que poña en valor estes tres títulos”, matizaba o comodoro. “O sábado faremos unha regata costeira e o domingo trazados ao vento. Isto foi así sempre no noso club, xa que o barco gañador será o máis completo en ambas as especialidades da navegación. Falamos con Capitanía Marítima e Finisterre Tráfico e a nosa formulación é manter a subida ata o Carrumeiro Novo, xa que parece que as candorcas desprazáronse máis cara ao norte”, terminaba dicindo González.
“Estamos moi contentos, xa que son oito anos da nosa presenza nesta regata de maneira ininterrompida, mesmo na peor época da pandemia”, dicía Hernández. “Tamén nos sentimos moi orgullosos de que esta regata forme parte o Trofeo Presidente nestes dous último anos, Pero é que o Trofeo Pitusa Sabín non só é unha regata, senón tamén un gran evento social, e así o queremos manter”, terminaba dicindo o seu patrocinador.
“A dinamización turística é un dos mellores elementos que promove esta regata e, ademais, é un gran escaparate para todos os que nos visitan, ofrecendo todo o mellor que nós lles podemos dar. É por iso
que desde o Concello de Porto do Son, estamos moi agradecidos polo labor que desenvolve o club e aos patrocinadores por apoiala”, dicía na súa intervención Deán.
O Trofeo Pitusa Sabín – Regata Mar de #Finisterre dispútase os días 20 e 21 deste mes de agosto, cunha participación que roldará a trintena de unidades e un combinado de probas deportivas entre trazados costeiros e mangas ao vento, sendo o principal fito navegación ata o Faro do Carrumeiro Novo, situado na propia enseada de #Finisterre, moi próximo á entrada da ría de Corcubión.