Econoia inaugura este luns en Portosín a mostra Arte da mar para sensibilizar sobre o problema do lixo mariño

A Casa da Cultura vai acoller este primeiro de agosto, luns, a inauguración da mostra Arte da mar, impulsada ao abeiro da terceira fase do proxecto Econoia, Coidamos do noso mar. A cita será ás 18.00 horas e contará coa presenza da conselleira do mar, Rosa Quintana, entre outras autoridades. A exposición, conformada por pezas da cultura mariñeira atopadas en bancos marisqueiros (e elaboradas a partir das crebas atopadas nas xeiras de limpeza litoral, levadas a cabo dende Econoia), dará visibilidade ao propio proxecto e sensibilizará sobre a problemática do lixo mariño. A exposición é unha iniciativa itinerante que xa percorreu outros concellos da nosa contorna. Poderá visitarse durante agosto e setembro, de martes a domingo, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Econoia vén da man da Confraría de Pescadores de San Bartolomé de Noia, contando coa estreita colaboración da Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín, das Redeiras de Portosín, da Asociación A Creba, da AEP (Asociación de Empresarios de Portosín), do Museo Marea e da Xunta. Ao seu abeiro e do Plan Marlimpo, lévanse retirado 65.000 quilogramos de lixo mariño na ría de Muros e Noia dende 2020, o que equivale a 469.904 obxectos. Este labor de limpeza e concienciación proseguirá na vindeira campaña marisqueira (de setembro a abril do ano que vén), con seis xornadas de recollida de lixo, clasificación e inventario de refugallos nas que participarán até 256 profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro da contorna.

Programa deste luns

18:00 horas.- Recepción de autoridades
18:05 horas.- Visita á Exposición
Intervencións
18:20.- Presentación do acto Liliana Solís
18:30.- Intervención anfitrión Luis Oujo Pouso., alcalde do Excmo. Concello de Porto do Son
18:40.- Intervención colaboradores proxecto:
-Concello de Muros
-Concello de Outes
-Concello de Noia
-Asociación Joaquín Vieta
19:00.- Intervención colaboradores proxecto/exposición
-A Creba
-Museo Marea
-Redeiras de Portosín
-Alivavá
-Mar de Fábula
19:30.- Confrarías:
-Portosín: Isaac Gaciño Santos- Patrón Maior
-Noia: Marisol Amado Tajes. Presidenta Agrupación mariscadoras/es.
19:45.- Peche do acto: Rosa Quintana Carballo. Conselleira do Mar.
Ao remate do acto serviranse un pinchos e petiscos na sala planta baixa Casa Cultura Vella.