O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron este 10 de agosto a sede da empresa ACTEMSA, dedicada en gran medida á importación e exportación de peixe conxelado. Alí puxeron en valor o potencial da industria galega de transformación de produtos do mar, da que forma parte esta empresa, e manifestaron a preocupación de Galicia pola exclusión deste sector do PERTE Agroalimentario. Neste sentido, urxiron ao Goberno central a rectificar con axilidade e a incluílo no PERTE.
Conde e Quintana, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, trasladaron o apoio do Goberno galego á industria de transformación de produtos do mar, un sector clave na economía de Galicia pois en 2021 exportou máis de 2.400 millóns de euros en produtos do mar, cun aumento do 85% desde 2009. Ao mesmo tempo, destacaron que se trata dun sector que é referente en aspectos que defende o PERTE Agroalimentario, como a sustentabilidade, a competitividade, a rastrexabilidade e a seguridade alimentaria.
ACTEMSA
Actividades Empresariales SA, ACTEMSA, é unha empresa familiar que nace en 1994 fundada por Severino Escurís Batalla, o seu presidente. Está situada na Pobra do Caramiñal, onde posúe un complexo frigorífico e unha planta de transformación de produtos do mar. Tamén presta servizos de conxelación e de asistencia técnica a empresas conserveiras e pesqueiras.
As súas instalacións teñen unha superficie de 12.000 metros cadrados e nelas utilizan cámaras frigoríficas con 25.000 metros cúbicos de capacidade de frío e teñen un tanque de conxelación en salmoira con capacidade para procesar 130 toneladas diarias, entre outros equipamentos. A esta empresa chegan especies como túnidos, que comercializa e exporta a conserveiras do mercado ibérico, da UE e de terceiros países e outras especies peláxicas como a xarda ou a sardiña e que procesa nas súas instalacións.
Ten arredor de 250 empregados e xera varios postos de traballo indirectos. A estes engádense preto de medio milleiro de profesionais da súa filial de Brasil. Ademais desenvolve o proxecto dunha nova planta na Pobra do Caramiñal que destinará á transformación de lombos de atún, o que lle permitirá incrementar a súa capacidade de cocción de túnidos.