A Xunta de Galicia acaba de completar a restauración ecolóxica das primeiras 39 hectáreas da contorna da duna costeira de Corrubedo incluídas no proxecto que impulsou a comezos de 2022 para o control e
erradicación de especies arbóreas colonizadoras neste espazo natural. Os traballos sobre o terreo comezaron o pasado mes de abril e avanzan a bo ritmo, co 21,1% do ámbito obxecto de intervención —un total de 185 hectáreas— xa recuperado.
Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, achegouse hoxe ao Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para coñecer in situ o resultado dos labores acometidos ata agora para frear o avance do bosque de piñeiro e protexer a integridade da duna, actuacións que se realizan por primeira vez en Galicia.
Así, explicou que na actualidade as masas arbóreas están a ocupar espazos que, orixinariamente, formaban parte dos areais e do propio sistema dunar, alterando así o hábitat propio das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea —considerado de interese comunitario prioritario— ao impedir a mobilidade da area.
A tal fin e tras lembrar que o ámbito de actuación foi dividido en varios polígonos para facilitar a súa execución, explicou que nos últimos meses as tarefas de campo se centraron na zona da Charca de Olveira (polígono 4), onde se completaron xa os traballos sobre 25,98 hectáreas; e no monte Campos de Olveira (polígono 2), no que se recuperaron ata agora 11,5 hectáreas e se prevé chegar a 20 hectáreas no prazo dun mes.
Nestas zonas fixéronse labores intensivos para eliminar pés de especies colonizadoras mediante corta, derramado, tronzado e retirada da madeira e doutros restos, e tamén se procedeu ao arrincado e roza manual de exemplares novos co fin de evitar danos na flora, impedir a incorporación de materia orgánica e reducir o risco de incendio.
Cun orzamento global de 383.614 euros e un prazo de execución de ano e medio, o proxecto conta con financiación europea a través do programa NextGenerationEU, concretamente no marco da compoñente 4 reservada para iniciativas que incidan na conservación de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade.
Nova cartografía con voo de drons
Ademais de continuar cos traballos de control e erradicación de especies arbóreas sobre o terreo, a conselleira avanzou tamén que, antes de que remate o ano, se fará unha segunda cartografía aérea do espazo mediante o uso de drons, o que axudará a coñecer con precisión a evolución real da duna. Os traballos xa foron adxudicados por 17.424 euros e están pendentes agora do seu inicio.
O primeiro levantamento topográfico xurdiu a partir dos voos realizados en decembro do ano pasado con drons equipados con tecnoloxía LIDAR e unha cámara de vídeo, o que permitiu, ademais, obter imaxes en alta resolución da zona sobrevoada.
Grazas a este traballo, logrouse deseñar un xemelgo dixital da duna gris de Corrubedo, unha ferramenta tecnolóxica moi útil xa que axudará a coñecer as futuras evolucións do conxunto grazas aos levantamentos topográficos que se vaian realizando, ademais de que permite apreciar o estado da vexetación e a morfoloxía do conxunto dunar.
Esta información axudará á Xunta a decidir as actuacións futuras de rexeneración da vexetación e a reaccionar ante a afectación derivada das mesmas, entre outras medidas.
Así, por exemplo, permitirá coñecer con exactitude o impacto que terá nos vindeiros anos os labores que se están acometendo agora sobre os piñeirais da duna costeira.
Como subliñou Ángeles Vázquez, este tipo de iniciativas van na liña dos obxectivos do Plan reitor de uso e xestión aprobado o ano pasado para poñer en valor e preservar os valores deste Parque Natural, declarado en 1992, cunha superficie de ao redor de 996 hectáreas e que se trata dunha das principais zonas dunares de Galicia, ademais de contar cun papel moi destacado como receptor de aves migratorias.
Así, a mellora e recuperación dos ecosistemas naturais do parque permitirá garantir unhas boas condicións de hábitat para as especies que se localizan neste espazo, como a píllara das dunas, o pernileiro ou o sapo de esporóns; así como plantas dunares endémicas incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.
