Comezou o San Bartolomeu en Noia cun completo cartel de verbenas e unha escolma do mellor da música galega e española

Este martes 23 de agosto comezou unha nova edición, con toda probabilidade a máis agardada de cantas edicións se teñen celebrado (neste contexto postCOVID e de adversidades varias das que necesitamos máis ca nunca evadirnos), das Festas de San Bartolomeu de Noia, Celebraranse até o domingo 28 e traerán á vila a grupos e artistas tan relevantes como Luar Na Lubre (o xoves), Sés (o domingo), Nacha Pop (este mércores 24 de agosto), Gisela (o sábado) e as novas bandas de música tradicional galega electrónica que están a revolucionar o noso folclore: Boyanca Kostova e Baiuca, os dous grupos que, xunto coa París de Noia, encargáronse este martes 23 de abrir ao grande o programa de actividades.

No que atinxe á xornada deste mércores 24 (festivo local) Nacha Pop, histórica agrupación dos anos oitenta (na que militou unha das grandes figuras da música española: Antonio Vega) ofrecerá un concerto na praza do Tapal ás 23.00 horas, mentres que na Alameda haberá verbena cas orquestras Grupo Claxon e New York.

O xoves 25 será a quenda de Luar na Lubre, ás dez e media da noite, tamén no Tapal. Na Alameda haberá verbena coa Orquestra La Ocaband.

O venres 26 actuarán o grupo Marlon e a orquestra Olympus.

O sábado 27 será a quenda de Gisela, ex-concursante de Operación Triunfo, de Ana Guerra (finalista do mesmo concurso de RTVE) e de Dasoul.

O domingo celebrarase a Festa da Empanada, un concerto da reivindicativa cantautora galega Sés e unha verbena con Fania Blanco Show. O punto final das festas porano os fogos de artificio.