Boiro acolle o vindeiro xoves 18 de agosto o espectáculo musical de La Ocaband Camiñantes e cantantes, que será a partir das 22.00 horas na praza de Galicia. O alcalde, José Ramón Romero, participou este venres 12 na presentación da actividade, acompañado do director e produtor, Carlos Alleres, e do director musical, Dani Dopazo.

Segundo explicaron, o espectáculo busca que o público vaia camiñando, a través dos artistas galegos de todos os tempos, polas distintas rutas a Santiago de Compostela a través dos distintos temas que interpretan. O musical, ademais de La Ocaband como banda musical principal, contará coa participación de outros convidados como son Pepo Suevos, Manuel Manquiña, Pili Pampín ou Lucía Pérez.
Camiñantes e cantantes é un musical integramente en galego, apto para un público familiar, e de carácter gratuíto, que terá unha duración aproximada de 120 minutos e será gravado para a súa emisión na Televisión de Galicia. O musical conta tamén co patrocinio da Xunta de Galicia, a través do Xacobeo 21-22 e da colaboración de Turismo de Galicia.