As arpistas Beatriz Martínez, Carmen Bernal e Reyes Gómez, protagonistas da segunda xornada do Noia Harp Fest.

Este mércores 3 de agosto comezou finalmente o IX Noia Harp Fest. Fíxoo cunha inauguración ás 19.30 no Liceo de Noia e cun concerto especial aberto ao público ata completar a capacidade do recinto: o primeiro Encontro das Escolas de Arpa de Galicia. Participou o alumnado de arpa da Etrad (Vigo), da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio Profesional de Música de Torroso (Mos), do Conservatorio Profesional de Música da Coruña e do Conservatorio Mayeusis (Vigo). As actividades proseguen este xoves coas arpistas Beatriz Martínez, Carmen Bernal e Reyes Gómez, protagonistas da segunda xornada do Noia Harp Fest.

O talento feminino é o protagonista da segunda xornada do Noia Harp Fest, que se celebra desde este mércores e até o domingo 7. As arpistas Beatriz Martínez, Reyes Gómez e Carmen Bernal actúan este xoves 4 de agosto.

A actividade comezará ás 11.30 horas no Liceo de Noia coa primeira das clases maxistrais que ofrece este ano o festival, nomeada Contando historias e que impartirá a intérprete Reyes Gómez, arpista do Trío Clepsidra. O programa continuará en horario de tarde (19.30 horas), nos xardíns da Central do Tambre, coa presentación de Tal como as nubes, o primeiro álbum en solitario de Beatriz Martínez, a figura máis relevante de Galicia no eido da arpa céltica. En palabras da organización do festival, “este traballo achega unha concepción moi innovadora no tratamento da música de tradición oral para esta arpa coa que se mesturan, cunha sensibilidade especial e un estilo absolutamente propio, temas de composición orixinal”. Formada na Etrad de Vigo, compoñente da orquestra SonDeSeu e do grupo Ghaveta, a arpista ten unha sólida carreira como intérprete. No concerto estará acompañada ao buzuki e á guitarra acústica por Diego Langarica.

Xa pola noite, contra ás 22.00 horas, no Teatro Coliseo Noela celebrarase o Concerto Especial AEDA, en colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA), no que participarán Carmen Bernal (gañadora do I Certame AEDA para novos intérpretes) e o Trío Clepsidra. “Este último”, explican dende a organización do certame noiés, “explora o atractivo e orixinal repertorio existente para arpa, viola e frauta travesera nas súas múltiples posibilidades”. Os seus integrantes, nados en Salamanca e formados nos principais centros europeos, realizan unha intensa actividade profesional baseada en frecuentes colaboracións con orquestras nacionais; concertos de música de cámara xunto a ensembles especializados en repertorio clásico, antigo e contemporáneo; e a docencia en diferentes conservatorios e cursos de perfeccionamento.

Axenda xoves 4 de agosto

11.30 horas, Liceo de Noia | Clase maxistral con Reyes Gómez: Contando historias

19.30 horas, Xardíns da Central do Tambre | Concerto de Beatriz Martínez & Diego Langarica

22.00 horas, Teatro Coliseo Noela | Concerto especial AEDA: Carmen Bernal e Trío Clepsidra