A Xunta pon en valor o labor de reciclaxe e reutilziación do lixo mariño que realiza a Confraría de pescadores de Noia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o labor da confraría de pescadores de Noia no coidado do medio mariño con accións que promoven a reciclaxe e a reutilización do lixo mariño. Así o destacou na inauguración da exposición Arte da mar, a primeira actividade que realiza a confraría ao
abeiro do proxecto Econoia III que dá continuidade ás edicións anteriores desta iniciativa e que conta co apoio da Xunta a través das axudas destinadas a iniciativas de recollida de residuos mariños.
Esta mostra é o resultado das limpezas de lixo mariño nas que os mariscadores a pé da confraría noiesa retiraron 65 toneladas de residuos da ría de Muros e Noia. Estará todo este mes e en setembro na Casa da Cultura de Portosín, en Porto do Son, e ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de conservar o medio mariño, a través da linguaxe e as obras da asociación Mar de Fábula, o proxecto artístico Alivavá e a Asociación A Creba. Neste proxecto tamén participan o Museo Marea de Porto do Son e as Redeiras de Portosín e colaboran a Confraría de Pescadores de Portosín e o Concello
de Porto do Son.
Neste sentido, a titular de Mar sinalou que esta acción é un exemplo dos froitos que dá a alianza do sector cos axentes sociais e culturais da súa comunidade. Grazas ao seu labor con esta mostra, subliñou, daranse a coñecer novas pezas artísticas que son o resultado de reciclar e reutilizar residuos mariños recollidos polos profesionais do mar e que, doutro xeito, quedarían navegando sen rumbo no mar.
Ademais a conselleira definiu esta exposición como arte sostible coa que os participantes exercen un importante traballo de concienciación para loitar contra o lixo mariño. Ao mesmo tempo, manifestou o apoio da Xunta a este tipo de iniciativas e, no caso concreto de Econoia, sinalou que a Administración galega contribuíu cun total de 650.000 euros de axuda ao labor das tres edicións deste proxecto.
Arte da mar
Arte da mar é a primeira acción que se realiza ao abeiro do proxecto Econoia III, que dá cotinuidade a Econoia I, desenvolvido no período 2020-2021 e Econoia II, do 2022-2023. Este proxecto enmárcanse no plan Marlimpo da Consellería do Mar, co que se pretende contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e bioloxicamente diverso e unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras.
A través del tamén se busca que os sectores pesqueiro e marisqueiro integren nas súas operativas boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño. Este plan, xunto co proxecto CleanAtlantic, foi posto como exemplo de boas prácticas por parte do Parlamento Europeo ao converterse os profesionais do mar en aliados esenciais para garantir a sustentabilidade dos recursos mariños da comunidade.
Entre os obxectivos de Econoia está retirar o lixo mariño acumulado nos bancos marisqueiros, divulgar e concienciar sobre o seu impacto ambiental, a redución de residuos e a súa adecuada xestión. Ademais dentro este proxecto, os participantes organizan limpezas periódicas e realizan accións coas que educan e fomentan valores de coidado ambiental.