A Xunta ampliou hoxe a “prealerta por escaseza” de auga á bacía do río Tambre e do río Grande ante o drástico descenso dos caudais nesta primeira quincena do mes de agosto.
Os subsistemas de Zamáns e Bahíña presentan unha situación equivalente ao do resto de sistemas en prealerta aínda que o conxunto do sistema ao que pertencen mantense en normalidade segundo os indicadores valorados. Polo que se insta aos xestores de abastecemento destas zonas a tomar as mesmas medidas de aforro e contención do consumo que no resto de sistemas en alerta.
O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural.
Na reunión tratouse polo miúdo a activación da “prealerta por escaseza” na zona correspondente ao sistema de explotación da bacía do río Tambre e do resto de ríos que desembocan na ría de Muros-Noia, así como na conca do río Grande e dos ríos que desembocan na ría de Camariñas e na costa de Cabana, Laxe e Muxía.
Todas as zonas de prelaerta comparten a característica de non dispor de grandes encoros de abastecemento e, polo tanto, nas que os sistemas de abastecemento se nutren desde os propios ríos ou desde pozos ou mananciais.
Por outra banda na reunión abordouse a necesidade de dar un tratamento equivalente á prealerta por escaseza aos subsistemas dos ríos Bahíña e Zamáns, pese a que o sistema ao que pertence continúa amosado normalidade segundo os indicadores establecidos no plan.
Deste xeito, os indicadores calculados a partir dos datos rexistrados durante esta primeira quincena do mes de agosto amosan que, de empeorar a situación, o abastecemento destas zonas podería verse comprometido polo que os concellos afectados deben tomar xa medidas aforro e contención das demandas de auga, en prevención desa posibilidade.
Ao considerar todos os factores expostos, a Oficina Técnica da Seca acordou a activación da prealerta por escaseza, co establecemento dos mecanismos de coordinación necesarios entre as administracións locais e a Xunta para xestión da situación e a previsión doutras posibles medidas a adoptar, no caso de rexistrarse un eventual empeoramento.
Na xuntanza ratificouse tamén a continuidade da prealerta por escaseza na conca do río Lérez e do río Anllóns.
No resto dos sistemas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa mantense a situación de “seca prolongada”.
