A Mancomunidade Barbanza Arousa, conformada polos Concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, presentou o cartel da nova edición (a terceira) de Paisaxes Sonoras, que estrea formato específico de festival e con catro días de duración. Novamente retómase a vontade reivindicar paisaxes emblemáticas e recursos culturais e turísticos da nosa comarca.
O obxectivo, segundo se fixo saber na presentación, é “achegar as potencialidades do noso territorio a visitantes e poboación comarcal mediante un formato innovador no que a natureza é o escenario principal converténdose na protagonista absoluta da creación artística”.
Nesta terceira edición, Paisaxes Sonoras oferta catro xornadas consecutivas durante os días 25, 26, 27 e 28 de agosto apostando pola “complementariedade da oferta musical coa enogastronomía do territorio”, sinalouse.
A presentación levouse a cabo no espazo da antiga discoteca Búmerang, A Pobra do Caramiñal. Participaron as concelleiras de Cultura, Patricia Lojo da Pobra do Caramiñal; Mariola Sampedro, de Ribeira; María Outeiral de Boiro e Raquel García, de Rianxo ademais do presidente da Mancomunidade, Xosé Lois Piñeiro e a xerente, Fátima Cachafeiro. Destacouse a importancia do traballo conxunto entre a Mancomunidade e as concellerías para levar a cabo un proxecto conxunto en clave de posta en valor de destino turístico.
Esta cita cultural dará comezo con Alice Wonder o xoves 25 de agosto ás 21:30 horas no espazo da antiga discoteca Bumerang, A Pobra do Caramiñal. Xa na xornada do venres, Paisaxes Sonoras recalará en Ribeira con Alba Reche. O sábado 27 será a quenda do concello de Boiro coa actuación de Davide Salvado e Cibrán Seixo. O peche do festival, realizarase en Rianxo cunha sesión vermú a cargo dos Saxos de Averno.
As entradas aos concertos saen á venda hoxe a partir das 13:00h na plataforma Wegow; o público interesado poderá mercar un número moi limitado de abonos polo prezo de 20 € máis gastos de xestión ou entradas individuais desde 7 € máis gastos de xestión.
Este ano, reforzando o compromiso co territorio, a Mancomunidade Barbanza Arousa e as catro concellerías de cultura dos concellos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira queren dar un lugar especial á gastronomía local e aos viños da IXP Barbanza e Iria, que estarán presentes ao longo dos catro días de Paisaxes Sonoras, unindo a enogastronomía, a paisaxe e a música.