O Concello da Pobra do Caramiñal vén de achegar dúas novas accións ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero para así seguir a avanzar en materia de igualdade. As encargadas de presentar estas novas iniciativas foron a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra); a asesora xurídica á muller, María Pérez; e a axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez.

A edil fixo fincapé na importancia de “pór en marcha topo o tipo de medidas que sexan necesarias dende as institucións públicas para combater o machismo e sensibilizar a cidadanía”. Tamén apuntou a que na Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero se informou de que na localidade hai activos 17 casos.
A primeira das propostas, sinalaron, pretende “chamar a atención das persoas viandantes ao tempo que se busca crear conciencia social e consiste na incorporación de frases alusivas a algunhas das violencias exercidas contra a muller en catro pasos peonís do centro urbano”. Frase como por exemplo “Camiño á casa quero ser libre, non valente”, fronte ao Liceo; “Coidado, o machismo mata”, na saída dos Xardíns de Valle-Inclán cara á praza Alcalde Segundo Durán; “O maltrato psicolóxico non deixa marcas na pel”, na entrada principal á praza de abastos; e “O meu corpo non quere a túa opinión”, nun dos accesos á praza do Emigrante.
A maiores, as dependencias municipais dispoñen de dípticos que permiten facer un test rápido de autodiagnose de se unha muller está a ser vítima de violencia de xénero. Consta dunha batería de dez preguntas e, en función do resultado, indica como actuar. Neste documento tamén aparece unha representación gráfica do sinal de socorro, así como recursos telefónicos.



