Un total de 120 nadadores e nadadoras inscribíronse para participar este luns días 15 de agosto na 27ª edición da Travesía a Nado Praia de Coroso: un dos certames máis veteranos do panorama deportivo comarcal, que foi presentado esta mañá en rolda de prensa por José Carlos Matilla, vicepresidente do Club Natación Ribeira, xunto con Juan Carlos Ageitos, integrante desta mesma entidade; do concelleiro de Deportes Javier Sampedro e da primeira tenente de alcalde María Sampedro.
A proba, que forma parte do 17º Circuíto de Augas Abertas da Federación Galega de Natación, dará comezo ás once da mañá estando dividida en tres categorías. En primeiro lugar terá lugar a proba popular, cunha distancia de 1.250 metros, que tamén está destinada aos nados entre 2007 e 2010. A continuación, con saída ás 11.45 horas, terá lugar a proba absoluta de 2.500 metros de lonxitude. E por último, a partir das 12.45, nadarán os máis pequenos (nados a partir do 2011) para completar unha distancia de 400 metros.
Como participantes a destacar hai que salientar a Lucas Costa e Alba Ortiz, os dous primeiros na clasificación do circuíto galego, así como os triatletas internacionais Jorge Gonzalez e Antón Ruanova, ambos orixinarios de Ribeira. A entrega de premios está prevista para a unha e media da tarde.
Memorial Jesús e Vicente
Ademais, cómpre destacar que esta travesía servirá como unha homenaxe a Jesús Huerta e Vicente Fernández, dúas persoas cuxa memoria segue ben viva entre os integrantes do Club Natación Ribeira.
