Titiriberia continúa este martes en Rianxo cun espectáculo de Viravolta Títeres e unha conferencia que retratarán a figura de Toribio de Mañón

25 Xullo 2022

O Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continúa mañá martes 26 de xullo cun novo espectáculo de Viravolta Títeres. A compañía representará ás 21.00 horas na praza Rafael Dieste o seu espectáculo Vida, crimes e prisión de Toribio de Mañón. Nesta peza, retrátanse as andainas que lle deron sona a Mamede Casanova co sobrenome de Toribio de Mañón, famoso bandoleiro galego de comezos do século XX. Na historia deste personaxe inspirouse Valle-Inclán
para escribir Las galas del difunto. Tras a función, a compañía manterá un encontro co público.
Xusto unha hora antes, no mesmo espazo, ás 20.00 h. o investigador José Luís do Pico Orjais ofrecerá unha conferencia que, baixo o título de A viaxe de Toribio: de Mañón a Rianxo?, versará sobre esta figura histórica que deveu en lenda que acabou por protagonizar unha cantiga popular e por darlle nome ao meco que protagoniza o Entroido local.
Programación mércores
O mércores a programación de Titiriberia continuará adiante coas actuacións de seis compañías diferentes e a conferencia coa que se conmemorará máis de corenta anos de teatro profesional de marionetas en Galicia. Entre as 12 e as 14.30 horas, a Praza Castelao e o Subcampo contarán coas actuacións dos espectáculos coa técnica de lambe-lambe de Diáspora Teatro, que representará a peza Victoria; Os Monicreques de Kukas, que fará o propio con Guernika, e Seisdedos Marionetas, que ofrecerá a súa obra Este espectáculo foi ilegal.
O mércores tamén chegará o primeiro nome internacional do Titiriberia deste 2022. Será a compañía lusa Teatro e marionetas de Mandrágora, que amosará entre as 12.00 horas e as 14.30 horas o primeiro pase do seu espectáculo itinerante O máis maior grande Dom Roberto.
Xa pola tarde, entre as 18.00 e as 20.00 horas, celebrarase unha nova quenda que partirá tamén da Praza Castelao. A xornada rematará cunha mesa redonda ás 18.30 horas no Auditorio de Rianxo no que participarán representantes de Os Monicreques de Kukas, Tanxarina, Viravolta Títeres e Trécola para falar das catro décadas de teatro de títeres profesional en Galicia e cun espectáculo ás 21.30 horas que terá lugar no Auditorio de Rianxo: Eva, da formación andaluza Trastero 203.

30 compañías e artistas
O Festival Titiriberia na súa sétima edición traerá a Rianxo a máis de trinta compañías, formacións e artistas do teatro de títeres tradicionais para ofrecer os seus espectáculos, participar nas mesas redondas, impartir os cursos de formación a profesionais ou acompañar a cativada nos obradoiros de construción de bonecos que se insiren no programa dos Campamentos de conciliación do Concello de Rianxo. Este ano, o encontro rianxeiro recupera tras dous anos de crise sanitaria a súa dimensión internacional ao contar coa participación de artistas e investigadoras procedentes de México, Italia e Portugal.

Outros artigos

Barbanza Arousa recibe as primeiras adhesións ao SICTED

A Mancomunidade Barbanza Arousa, en consonancia coa súa estratexia de colaboración público-privada, continúa este ano coa implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, SICTED, entre os axentes turísticos do territorio. Nesta ocasión, a primeira...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Celebrando a  Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move. Poucas figuras concitan ó seu redor a unanimidade que convoca Rosalía. E iso en boa medida porque ela soubo tocar as cordas, unha a unha, aínda que fose de distinto...