Titiriberia celebrará en Rianxo entre o 24 e o 31 de xullo a súa sétima edición con artistas procedentes de Italia e Portugal

04 Xullo 2022

O Festival Titiriberia (Olladas sobre os Cristovos, Festival de Títeres Tradicionais), organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), celebrará entre os días 24 e 31 de xullo a súa sétima edición.

Neste 2022, despois de dous anos de pandemia e de restricións por mor da situación sanitaria, Titiriberia recuperará a súa condición de festival internacional ao contar na súa programación con artistas procedentes de países como Portugal e Italia. Deste xeito, o cartel incluirá a compañía lusa Teatro e Marionetas de Mandrágora e a Irene Vecchia, titiriteira do país transalpino. Os seus espectáculos traerán até Rianxo dúas das tradicións europeas máis lonxevas dentro da escena das marionetas de cachaporra: o Dom Roberto portugués e o Pulcinella italiano.

Titiriberia prepara para a que será a súa terceira edición en Rianxo un completo programa ideado para todos os públicos, con funcións destinadas á cativada e espectáculos para os espectadores adultos. Ademais, a edición deste 2022 terá dous grandes obxectivos: a creación de públicos prestando unha especial atención á audiencia xuvenil e mais afondar na decidida aposta pola descentralización da actividade. Así, Titiriberia converterá o municipio rianxeiro nun gran escenario ao levar espectáculos ás parroquias de Taragoña, Leiro, Asados, O Araño ou Isorna. E coa meta de “achegar ao conxunto da veciñanza o teatro de títeres”, o Titiriberia volve presentarse nesta sétima edición como un festival de espectáculos de rúa, cunha programación eminentemente gratuíta e con gran parte das súas funcións representándose en espazos da vía pública.

Visión feminina

A presenza italiana na sétima edición de Titiriberia chegará da man dunha artista que, ao longo da súa traxectoria, procura a renovación da tradición da cachaporra dende a perspectiva de xénero. Irene Vecchia ofrecerá así o seu espectáculo A Lúa e Pulcinella, peza que retrata como despois dun novo abuso, todas as mulleres da Terra acaban por se trasladar á Lúa. Para non perder a súa amada Teresita, Pulcinella intenta chegar onda ela e decátase así do que significa compartir a perigosa situación na que viven demasiadas mulleres.

A investigadora mexicana Elvia Mante, pola súa banda, explicará nunha videoconferencia os resultados da pescuda que está a desenvolver sobre o traballo feminino no mundo do títere a nivel internacional. Esta análise pioneira, na que colabora a Asociación Morreu o Demo, revélase como unha importante ferramenta para a toma da consciencia do papel feminino nun ámbito artístico que historicamente estivo moi masculinizado.

Pola súa banda, a compañía portuguesa de Teatro e Marionetas de Mandrágora centrará a súa participación en Rianxo no Dom Roberto, o equivalente luso ao Barriga Verde galego. A formación, coa dirección artística de Clara Ribeiro e Filipa Mesquita e dirección plástica de enVide neFelibata, traerá dúas funcións diferentes. A primeira delas, O mais maior grande Dom Roberto, consiste nunha figura xigante e interactiva desta personaxe. Coa segunda das súas montaxes, Teatro de Robertos, o público terá un achegamento ás historias clásicas nas que Dom Roberto se enfronta aos seus adversarios habituais: o cura, o demo e a morte.

Curso con Irene Vecchia

Dentro do programa, que se dará a coñecer polo miúdo nos vindeiros días, está aberta xa a inscrición ao curso que impartirá Irene Veccia sobre técnicas tradicionais de manipulación de títeres. Centrado nos guaratelle napolitanos, esta formación práctica de 8 horas está aberta tanto a persoas sen experiencia no manexo de monicreques como a profesionais e afeccionados ao sector. As inscricións están abertas en info@barrigaverde.eu e pódese atopar máis información da actividade en https://titiriberia.com.

Os Cristovos

Co lema Olladas sobre os Cristovos, o festival quere reivindicar este termo tradicional para nomear as marionetas e procurar a súa normalización para os títeres tradicionais. O termo de “cristovos”, amplamente empregado no noso país ao longo do século XX, ten paralelo no títere español Don Cristóbal, parente directo do noso Barriga Verde e parte da tradición europea que reúne personaxes coma Pulcinella, Punch ou Guignol entre outros. Deste xeito, Titiriberia defínese como “un espazo único no que coñecer e revisar todas estas tradicións desde a perspectiva galega”.

Outros artigos

Ribeira celebrará este domingo 25 de febreiro o seu Xantar de Maiores

O Concello de Ribeira celebra este domingo o Encontro das Persoas Maiores no Pavillón da Fieiteira. Espérase dar acollida a máis de 870 persoas maiores de 55 anos ou xubiladas. O evento comezará ás 12:00 horas coa celebración relixiosa na Igraxa Parroquial de Santa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

No son los ojos, son las miradas”. Manuel Dominguez

No son los ojos, son las miradas”. Manuel Dominguez

Pensamos, pensé, en la belleza de los ojos, hasta que un día cerca de casa, una pared me decía, ¡No, no son los ojos, son las miradas! Pensando en ello, cuánta razón, no son los ojos son las miradas, podemos ver en la película Los puentes de Madison, interpretada por...