O grupo Suma Ribeira defenderá no pleno deste martes 26 de xullo unha nova iniciativa que ten por obxecto “pór freo ás construcións obsoletas” que contribúen ao feísmo urbanístico no concello, como estruturas de telefonía situadas na praza do Rueiro de Palmeira e en Corrubedo. Para Suma Ribeira, “é fundamental iniciar os trámites necesarios para suprimir as ditas construcións” e, “no caso de que isto non fose legalmente posíbel, realizar as xestións para reducir as súas dimensións e impacto visual”.
A través do seu voceiro, Xurxo Ferrón, Suma Ribeira recoñece que algúns “espantallos urbanísticos teñen difícil solución a curto e medio prazo, pero tamén pensamos que nos últimos trinta e pico anos de gobernos municipais do PP (ou de AP), moi pouco se fixo á hora de executar solucións factíbeis que eliminasen ou paliasen algunhas desfeitas consolidadas na actualidade”.

Desta volta, Suma Ribeira decidiu poñer o foco nalgúns exemplos concretos que o grupo considera que se poden erradicar ou mellorar, “e de forma urxente”, para facer Ribeira máis atractiva e amábel para a cidadanía. Trátase das construcións que no seu día tiveron xustificación para a cobertura dos servizos de telefonía e electricidade, pero “que se permitiron levantar tamén sen un mínimo decoro”, sinala a plataforma cidadá, engadindo o seu convencemento de que “poden ser suprimidas, trasladadas ou reducir significativamente o seu volume, pois presentan unhas dimensións inxustificadas e inxustificábeis coas solucións tecnolóxicas que se veñen desenvolvendo hai decenios, tanto no campo da informática como das infraestruturas que facilitan as comunicacións e o transporte de enerxías”.
A organización política fala concretamente das instalación que aínda perduran en Palmeira e Corrubedo. “Pensamos que sería unha interesante e necesaria contribución ao restablecemento da harmonía da praza do Rueiro de Palmeira actuar sobre a construción que unha empresa de telefonía posúe nesta praza, ocupando unha parte importante da mesma”.
Seguindo a mesma liña, Suma Ribeira refírese tamén ás torres levantadas no seu día para apoiar infraestruturas de subministro de luz ou teléfono e que rachan as vistas, ás veces dende longas distancias, nomeadamente a situada a carón do emblemático e atractivo entorno do Faro de Corrubedo, convertido recentemente en punto de partida do Camiño da Orixe.

Ante o exposto, a iniciativa rexistrada por Suma, proporá:
1. Iniciar os trámites necesarios para erradicar a citada torre situada preto do Faro de Corrubedo.
2. Iniciar os trámites necesarios para suprimir a construción citada situada na praza do Rueiro de Palmeira.
3. Elaborar un plan de actuación a medio prazo, no que se contemplen as estruturas do tipo das dúas descritas que, en base ao seu negativo impacto na harmonía e calidade de vida, e na viabilidade das posibles solucións, aconsellen actuar na humanización do concello.