Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e o noiés Francisco Pérez gañan o Premio Catelao de Banda Deseñada da Deputación

14 Xullo 2022

O XVII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña xa ten gañadores e gañadora. Na reunión do xurado, celebrada este 13 de xullo, resultou seleccionada na modalidade xeral a obra O bico da serea da autoría de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista, mentres que na modalidade LIX foi elixida a obra Contando Estrelas do noiés Francisco Pérez.

O xurado da nova edición dos Premios Castelao

Nesta edición o xurado estivo composto por ilustradoras e ilustradores cunha recoñecida traxectoria na creación de banda deseñada e ilustración editorial, como son Nuria Díaz, Araceli Paz, Quique Mauricio, Carlos Taboada e a gañadora do ano pasado, Julia Lago. A xuntanza estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat, xefa do Servizo de Cultura. Tamén estivo presente a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.

Da obra O bico da serea, o xurado salienta no seu informe “a poética e a gráfica” da proposta, ao tempo que indica que “o guión tamén toca diversas temáticas interesantes e con moita carga literaria que deleita os ollos e estimula a imaxinación”. A obra narra a historia da relación entre unha rapaza pre-adolescente e unha serea, na se van entrelazando a vida cotiá e a rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos.

Mentres, da obra Contando Estrelas, o xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivos”. A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.

Siqi Luis Yang (Madrid, 1993). Medra na Coruña –onde reside actualmente-, cursa Belas Artes na Universitat Politécnica de Valencia e o máster de Obra Gráfica na Fundación CIEC de Betanzos.

Uxía Larrosa Villanueva (A Coruña, 1993). Estuda Belas Artes na Universidade de Barcelona, cursando a especialidade de gravado, e máster en Cine e Audiovisual contemporáneo na Universidade Pompeu Fabra.

Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975). Asina os seus traballos coma Quico e estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Ten traballado para distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...