Outes celebra con concertos, verbenas e unha caravana as súas Festas Patronais

Outes vai celebrar a partir do 22 de xullo as súas Festas Patronais. O Concello, para festexalas ao grande, organizou unha axenda de catro días de concertos, encontros e actividades. A troula comeza o día 22 coa Orquestra Foliada, na praza do Bosque, a partir das 22.30 horas. Prosegue o sábado a primeira hora, cunha ruada de Xeitura e cunha misa solemne cantada pola Coral O Peirao do Freixo, na Capela da Serra de Outes a partir das 12. Ás 13.00 horas terá lugar un encontro de escolas de música tradicional, na Horta do Muíño. Pola noite está programado un concerto de Sondeseu, tamén na Horta do Muíño, a partir das 22.30 horas. Haberá verbena a partir das 0.00 na praza do Bosque a cargo da Orquestra M3.

A actividade do día seguinte (domingo 24) comezará cunha ruada de Jaitas Blue e cunha misa solemne cantada pola Coral Pedra Xerpal de Ponte Nafonso, no parque da Cruz ás 11.00 horas. A actividade proseguirá cunha caravana de vehículos até o Freixo e cunha sardiñada na Horta do Muíño. Pola noite haberá dobre ración de música: por unha banda o concerto de Roi Casal ás 22.30 na Horta do Muíño e pola outra a verbena da Orquestra Triunfo na praza do Bosque ás 0.00 horas.

O luns 25 a xornada festiva comeza cunha ruada a cargo da Banda de Música Municipal de Outes e cunha misa solemne cantada pola Coral Francisco Añón (ás 12 na Capela da Serra). Polo serán está previsto un concerto dobre coa Banda de Música Municipal (na Horta do Muíño ás 21h) e con A Misela (ás 22.30h).