O Concello de Ribeira vén de aprobar un Plan de Medidas Antifraude para a xestión dos fondos europeos Next Generation procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Trátase, explicaron fontes do Consistorio, dun requisito obrigatorio que deben asumir todas as institucións decisorias e executoras que participen no PRTR para garantir que os fondos correspondentes son empregados de conformidade coas normas. Hai que lembrar a este respecto que o Concello xa viu confirmada a concesión de fondos Next Generation para desenvolver iniciativas como, por exemplo, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (2 millóns de euros).
Ademais, o Goberno de Ribeira anunciou que vai facer extensíbel a aplicación deste Plan a todos os seus procedementos de contratación.

Medidas obrigadas
O artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, ao executar fondos provenientes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, os Estados membros, tanto na súa condición de beneficiarios como de prestatarios de fondos, deberán adoptar medidas adecuadas tendentes a protexer os intereses financeiros da Unión e a velar por que a utilización dos fondos sexa axustada ao dereito aplicábel tanto da Unión como nacional, especialmente no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses.
Precedente da EDUSI
O Concello de Ribeira recoñece que “leva anos traballando nesta liña, potenciado a transparencia, coa finalidade de fornecer á cidadanía duns servizos máis eficientes e máis accesíbeis”. De feito, a súa incorporación ás diferentes redes institucionais para intercambiar e deseñar proxectos con outros municipios e con outras entidades sociais “é un exemplo diso”, engade. Entre os Códigos Éticos e de Boas Prácticas que figuran no Concello destaca o Manual de Procedementos da Entidade EDUSI Concello de Ribeira validado no ano 2019 polo Ministerio de Facenda e Función Pública, e que deu pé á constitución do Comité de Autoavaliación Atifraude da EDUSI, de reunión periódica a fin de realizar un seguimento rigoroso e asegurar as actuacións executadas.
“Dado os fitos alcanzados, o presente Plan de Medidas Antifraude pode cualificarse como a sublimación de todo o traballado e conseguido ata a data na materia, un traballo que se enriquece coas sinerxías froito de actuacións previas, o que realizar un retrato e un mapeo de onde se atopaba o Concello, cales eran as súas fortalezas e debilidades e cara a onde debe encamiñarse”, apuntan fontes do Consistorio, a xeito de resumo de devandito.
Comité Antifraude
De forma paralela á aprobación do Plan dáse luz verde tamén á constitución dun Comité Antifraude, que será o encargado de desempeñar funcións tales como realizar a avaliación do risco dos intereses financeiros da Unión, participar na identificación dos indicadores de risco, analizar asuntos que puidesen ser constitutivos de fraude ou corrupción, implementar o modelo da Declaración de Ausencia de Conflito de Intereses en distintas fases do expediente contratación ou divulgación entre o persoal do Consistorio da existencia da caixa de correos de denuncias externo do SNCA para a comunicación de fraudes ou irregularidades, entre outras.
O Comité Antifraude é un órgano colexiado que estará formado polos seguintes membros permanentes: secretario do Concello (presidente), xefe da Oficina Orzamentaria ou órgano equivalente, interventor/a, tesoureiro/a, xefe de servizo da área de Contratación (que actuará como secretario do Comité Antifraude) e responsábel político de Réxime Interior. Son membros non permanentes: xefes de servizo dos departamentos responsables dos subproxectos NGEU pertinentes que sexan convocados e responsables políticos das principais áreas responsables dos subproxectos, subvencións ou actuacións financiadas con fondos NGEU.



