O Concello de Boiro propón o incremento dun 30% nas subvencións nominativas de deportes para o 2022

22 Xullo 2022

O Concello de Boiro propón para a súa aprobación no pleno do vindeiro xoves a concesión de subvencións nominativas do ano 2022. A proposta que se realiza é o incremento dun 30% con respecto ao ano 2021 para cubrir os gastos extraordinarios dos clubs.

Segundo explican fontes do Consistorio, as subvencións nominativas para este 2022 divídense en tres grupos distintos. Por unha banda as subvencións para gasto corrente e participación en probas deportivas (e que reciben todos os clubs do municipio e coas que o Concello de Boiro financia os gastos de desprazamentos e aloxamentos, inscricións en probas, compra de material deportivo..) e as subvencións nominativas para o desenvolvemento de probas deportivas no municipio (como é o caso da celebración da Liga ACT, a Travesía a Nado Illa da Bensa, ou o Torneo de Volei Praia). Por outra banda, están as subvencións nominativas para deporte adaptado (ás que este ano se dedica unha partida orzamentaria para financiar a aqueles deportistas ou clubs que participan en competicións de deporte adaptado). Por último están as axudas nominativas para o financiamento de melloras e mantemento de instalacións deportivas para aqueles clubs que dispoñen de instalacións propias e non fan uso das municipais; e tamén para necesidades específicas e excepcionais como é o caso dunha embarcación para o Club de Remo e un barco dragón para o Club de Piragüismo.

“O obxectivo destes apoios nominativos é atender as necesidades específicas dos clubs deportivos do noso municipio, fomentar o deporte base e facilitar a participación dos nosos deportistas nas diferentes probas”, anunciou a concelleira de deportes, Dores Torrado.

Pola súa banda, o alcalde José Ramón Romero dixo que “as subvencións nominativas deste ano 2022 son un 30% máis elevadas porque entendemos que os gastos dos clubs, sobre todo en materia de desprazamentos, se viron incrementados por mor da inflación. É por iso que o Concello de Boiro, con cargo a remanente de tesourería, incrementou este ano as subvencións nominativas nun 30% con respecto á cifra de 2021, unha proposta que se debaterá no pleno da corporación que terá lugar o vindeiro xoves 28 de xullo”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Parar e reflexionar. Continuar ou renunciar?” – Antón Luaces

“Parar e reflexionar. Continuar ou renunciar?” – Antón Luaces

Nunca vivimos na España democrática posterior ao franquismo unha situación semellante: un presidente do Goberno, elixido pola maioría -exígua, pero maioría- do Congreso dos Deputados formula o que, para min, non é outra cousa que o plebiscito ou refrendo público para...

“La derecha no muerde”. José Castro López

“La derecha no muerde”. José Castro López

Hace un año, el presidente Sánchez cumplimentó a Giorgia Meloni, jefa del Gobiernode Italia, en visita protocolaria. Ambos intercambiaron palabras amables y elogiosmutuos -diplomacia de libro-, hablaron de problemas comunes, como la inmigración -curiosamente ahora...