O Concello de Boiro convocou unha liña de axudas para incentivar á contratación do alumnado traballador participante no Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns – Boiro. O importe desta liña de apoios destinada á empregabilidade é de 30.000 euros, cun máximo de 1.500 euros por persoa contratada e por unha duración mínima de tres meses a tempo completo.

Poderán ser entidades beneficiarias destes incentivos á contratación as persoas empregadoras e empresas, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida no Obradoiro de Emprego nas especialidades de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas e que contraten traballadores ou traballadoras por conta allea.
Nas bases especifícase que os contratos temporais incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador contratado, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa. A contratación deberá comezar nos quince días seguintes á finalización do programa formativo, que será o vindeiro 14 de xullo.
O prazo para presentar a solicitude destas axudas é de 10 días hábiles e está xa aberto e deben facerse a través do Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro. Os anexos de solicitude, bases da convocatoria e toda a información sobre o proceso están a disposición das persoas interesadas na web municipal.



