O Club de Piragüismo Rías Baixas clasificado para o mundial de dragón que se celebra en setembro na República Checa

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a concelleira de Deportes, Dores Torrado, recibiron este mércores 20 de xullo no Consistorio ao equipo absoluto masculino de dragón do Club de Piragüismo Rías Baixas que se vai celebrar entre o 1 e o 4 de setembro na cidade checa de Racice.

“Boiro está nun punto excelente a nivel deportivo, froito do traballo en coordinación cos clubs e o Concello, e de aí estes resultados”, afirmou a concelleira de Deportes, que lembrou que o Club de Piragüismo Rías Baixas vén de conseguir manterse na división de honra, tanto o equipo masculino como feminino, e tamén clasificarse para o mundial con esta embarcación desta modalidade que é o Dragon Boat.

A clasificación para esta proba tivo lugar no selectivo nacional e van ser un total de 14 integrantes do club os que participen no campionato do mundo nas diferentes probas. “Hai proba de 2.000, proba de 500 e de 200 tanto en modalidade masculina como mixta”, comentou Sergio Pérez, presidente do club.
Pola súa banda, o rexedor anunciou que o Concello de Boiro aumentou as nominativas a clubs deportivos nun 30%. “Dende o Goberno local apostamos polo deporte e apostamos pola canteira polo que imos colaborar co club para a adquisición dunha embarcación como esta”, afirmou o alcalde.