Os días pasados a praza do Curro (Noia) acolleu unha sentida e multitudinaria homenaxe ao músico e reloxeiro local Miguel Fernández Pestonit “Miguelito”. A actividade incluíu un concerto da Banda de Música de Noia e diversas intervencións de persoeiros locais, entre os que se atopaba o alcalde Santiago Freire, que agradeceu a Miguel Fernández, en nome do Concello e da vila de Noia, os seus corenta anos á fronte da Banda, “catro décadas de entrega e traballo incansábel por e para a música”.

A concelleira de Eventos, Beatriz Rosende, fíxolle entrega dun cadro titulado Alameda, que representa o palco da música local.
Amais, a Banda de Música de Noia entregoulle unha placa. No acto, tamén se anunciou que, a partir de agora, o certame de bandas levará o seu nome.




