Este sábado celébrase a 34ª Promoción de Ciclismo de Boiro 2022 – Gran Premio Ricardo Riveiro

28 Xullo 2022

Boiro acolle este sábado 30 de xullo unha nova edición da proba deportiva Promoción de Ciclismo de Boiro 2022, que este ano está dedicado ao presidente e fundador Ricardo Riveiro. Presentaron o evento, en rolda de prensa, o alcalde, José Ramón Romero, a concelleira de deportes, Dores Torrado, o presidente do Club, Ricardo Riveiro, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, e o directivo do club, José Ramón Torrado.

Segundo fixeron saber, “son máis de 260 as persoas inscritas para esta proba que constará de tres percorridos distintos para as categorías alevín, infantil e cadete”. O primeiro dos percorridos será de 5,5 quilómetros; o segundo de 14 quilómetros e a proba cadete que pasa por Rianxo será de 51 quilómetros. “A proba deste ano é especial porque está dedicada ao fundador e presidente do club, Ricardo Riveiro, polo seu gran traballo e implicación”, afirmou José Ramón Torrado, poñendo o foco na satisfacción de seguir celebrando “unha proba coma esta 34 anos despois, e agardo que perdure por moito tempo”. Salientou tamén o carácter referencial da cita no panorama actual do ciclismo galego, “posto que practicamente todos os clubs de Galicia participaron nela algunha vez”.

Dende a Federación destacaron a grande aposta que o Club Ciclista Barbanza realiza pola promoción do deporte, “algo que se demostra nunha proba como esta que ademais é puntuábel para a Copa de Galicia cadete en ciclismo de estrada”, afirmou Carlos Muñiz.

A concelleira de Deportes, Dores Torrado, resaltou “o gran traballo que o Club realiza no fomento do deporte base e na súa aposta pola canteira, sendo unha das entidades con maior número de nenos e nenas inscritos”.

O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu o traballo do Club Ciclista Barbanza e a colaboración da Federación Galega de Ciclismo “polo gran traballo que desenvolven a prol da promoción do deporte do ciclismo no noso municipio” e convidou á veciñanza a desfrutar deste evento deportivo “que é xa un referente no noso concello e no ciclismo galego”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...