O Porto de Escarabote foi hoxe o escenario para a inauguración da segunda peza plástica de ‘Mar Diverso’ , o festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, financiado polo GALP da Ría de Arousa.
O equipo de Vaciocero e o muralista Sokram foron os encargados de presentar e dirixir os seus traballos artísticos inaugurados esta mañá no Porto de Escarabote, Boiro, nesta segunda xornada de Mar Diverso.
Vaciocero é un equipo multidisciplinar que estivo traballando co grupo de arte de Ambar formado por Ramón, Elena, Mila, Miryam, Carmen, Sonia, Esperanza, Victor, Manola e Mónica. Xuntos encargáronse do acto de apertura realizando unha acción colaborativa cunhas pezas pictóricas creadas previamente nas sesións de traballo en Ambar.
Seguido da intervención de Vaciocero, o artista Sokram presentou o mural que compuxo co grupo de arte formado por Álex, Ángel, Dani, Domingo, Gonzalo, Juan, Ma Eugenia, Raquel “A peza trata sobre o cambio climático, en concreto sobre a problemática dos areais. É unha crítica sobre un sistema social pétreo que non quere cambiar, que non lle dá importancia e valor á diversidade natural. Unha porta á reflexión e á toma de conciencia sobre o tempo que nos queda” explicou o muralista.
Milagros Rey, presidenta de Ambar amosábase moi ilusionada por conseguir levar esta obra de arte a Boiro “chegou o momento de que quede unha pegada nosa aquí, en Escarabote, o meu lugar de nacemento.” Agradeceu ao Concello de Boiro e ao Alcade pola súa boa acollida.
José Ramón Romero, alcalde de Boiro, deu parabéns a Ambar pola labor que estaban a realizar e por formar un equipo tan dinámico “Para os boirenses é un orgullo que nos deixedes unha obra deste calibre, vai ser a protagonista nas fotos deste verán” J.R. Romero
Zeltia Iglesias, técnica de inclusión de Ambar foi a encargada de pechar o acto:
“Invítovos a facer unha ruta canda nós e seguir todo o que por descubrir en Mar Diverso”.
Entre outras propostas programadas para o longo da semana, mañá mércores 27 ás 12.30 horas, inaugúrase unha obra plástica dirixida por Tere Ramallo no Paseo Praia da Torre, Rianxo.
o Mércores 27 ás 12:30H
Obra plástica dirixida por Tere Ramallo no paseo Praia da Torre, Rianxo
o Xoves 28 ás 12:30H
Peza escultórica dirixida por Mar Ramón na Praia das Salinas, Illa de Arousa
o Venres 29 ás 22:30H
Peza escénica dirixida por Fran Sieira na Praza da Igrexa, Ribeira
o Domingo 31 ás 12:30 H
Peza escultórica dirixida por Ócar Aldonza no Mercado de Abastos, A Pobra




