Dodro presenta a súa axenda cultural das próximas semanas

A Concellería de Cultura e Patrimonio do Concello de Dodro presenta unha ampla e variada
oferta de actividades culturais para o goce da poboación durante estas datas estivais.
Estas actuacións darán comezo este sábado 30 de xullo, ás 12.00 horas, no Local social do
Montiño (Imo) coa presentación do libro “Avelán. A voz de San Xoán de Laíño”. Obra publicada
polo Concello de Dodro coa colaboración da Deputación da Coruña, que compila os boletíns
editados pola Asociación de San Xoán de Laíño, entre os anos 1990 e 1998, coa finalidade de
informar á comunidade sobre os principais temas de interese de Dodro.
O mes de agosto inicia co espectáculo de narración oral e monicreques “O Tranvía Leonardo”
de Fantoches Baj, que terá lugar o domingo 7, ás 20.30 horas, no campo da festa de Teaio.
O 13 de agosto, ás 20.00 horas, na Lavandeira (Imo), presentarase o libro “Reboiras. O Camiño
da Rebeldía” de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro.
No mesmo espazo da Lavandeira, o día 15, ás 20.00 horas, Teatro ao Cubo presentará a obra
“GHOP!”. Unha proposta que mestura circo, monicreques, humor e variedades, dirixida ao
público familiar.
O seguinte luns, 22 de agosto, ás 12.00 horas, na Praza da Igrexa de Dodro, será a quenda de
“Fantoches Baj: os golfiños e o xigante”, espectáculo pertencente á Rede Cultural da
Deputación da Coruña.
O día 29 de agosto, no marco da celebración da Virxe dos Afrixidos, ás 12.00 horas, no Palacio
de Lestrobe, terá lugar a actuación da Banda de Música Municipal da Estrada.
Inaugurando novo mes, o 4 de setembro, ás 20.00 horas, en Imo, celebrarase o concerto da
Banda da Escola de Música de Rianxo, espectáculo pertencente á Rede Cultural da Deputación
da Coruña.
O día, 11 de setembro, a Banda Municipal de Música de Padrón será a responsable de
amenizar a festa da Virxe do Leite. Esta cita terá lugar ás 12.00 horas, no adro da Igrexa de
Laíño. Actuación incluída no programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Para rematar o verán e recibir con forza o outono, o día 24 de setembro, ás 22.00 horas no Valo
de Manselle, no marco do Festivalo, o Concello de Dodro propón desfrutar da mítica banda de
rock galega, Ruxe Ruxe e da súa xira 2022. Dito concerto forma parte do programa de
actuacións da Rede Cultural da Deputación da Coruña.