
O BNG denunciou nun comunicado consecuencias que está a ter para a veciñanza e para os negocios de Palmeira o prolongado atraso das obras de humanización da AC-305. Segundo a agrupación, “a execución está a prolongarse demasiado no tempo e está a provocar importantes prexuízos nos negocios da zona, dificultades para os desprazamentos e unha perda de servizos de transporte público”.
O ex-alcalde e portavoz municipal, Luís Pérez Barral, sinalou que “os establecementos comerciais e hostaleiros de Palmeira están a soportar unha situación moi complicada, con restricións de circulación, dificultades de acceso e unha menor facilidade para que a clientela poida achegarse aos seus negocios”.
O nacionalista considera “especialmente preocupante” que unha actuación que debía estar rematada no verán deste ano “continúe aínda condicionando a vida diaria de Palmeira”.
E engadiu: “As obras, que custan máis de 2,5 millóns de euros, comezaron en marzo de 2025 e debería estar rematada en xuño deste ano, pero aínda estamos lonxe de que a veciñanza poida recuperar a normalidade.
O BNG recoñeceu tamén que “recollemos na última semana moitas queixas veciñais que advirten das consecuencias que as restricións de tráfico están a ter sobre o transporte público”. O grupo apuntou tamén que a nova fase das obras obrigou a modificar os percorridos e reducir as paradas operativas na parroquia, deixando fóra puntos nos que habitualmente podían subir e baixar as persoas usuarias. “Esta situación”, engadiron, “resulta especialmente prexudicial para as persoas maiores, para quen non dispón de vehículo propio e para aquelas persoas que precisan utilizar o autobús para acudir ao traballo, ir ao médico ou realizar compras”.
Ademais, din, “as persoas que necesitan viaxar a Santiago deben buscarse a vida para chegar ás estacións de Ribeira ou da Pobra.
O rexedor considerou tamén que “non pode ser que non haxa alternativas e que Concello e Xunta lles digan aos veciños que se busquen a vida para desprazarse”. A mobilidade, sinalou, “ten que estar garantida tamén durante a execución dos traballos, e as solucións provisionais deben facilitar a vida das persoas, non complicala”.
Outra das cuestións que a veciñanza trasladou ao BNG é o cumprimento dos sentidos de circulación provisionais e das prohibicións establecidas para ordenar o tráfico durante as obras. A formación recoñece tamén ter recibido queixas “pola presenza de vehículos que, nalgunhas ocasións, incumpren a sinalización e os sentidos habilitados, xerando situacións de risco e dificultades para a circulación”.
A maiores, denunciaron que se están a producir “retencións e embotellamentos nos lugares do Carballal, Chimpín e A Bouciña, zonas que están a soportar unha parte importante do tráfico desviado pola intervención na AC-305”.
Por este motivo, Luís Pérez Barral reclama unha maior presenza da Policía Local nestes puntos para vixiar o cumprimento das normas de circulación, evitar manobras perigosas e actuar cando se produzan situacións de saturación. “Hai que garantir que se cumpra a sinalización provisional para evitar problemas e retencións”, apunta.
O BNG considera que “tanto a Xunta, como administración responsábel da obra, como o Concello de Ribeira deben implicarse para minimizar os prexuízos mentres duren os traballos”. A formación nacionalista reclamou ademais que “se manteñan alternativas de transporte público suficientes, que se facilite na medida do posíbel o acceso aos establecementos comerciais e que se informe con claridade dos cambios que afectan á circulación”.




