O Campo de San Roque acolle este mércores 27 de xullo a representación do espectáculo infantil e familiar O Tranvía Leonardo, de Fantoches Baj, a partir das 21.00 horas. Trátase dunha produción de Urdime con narración oral e monicreques, dirixida, escrita e protagonizada por Inacio Vilariño. No espectáculo, Pepe Tafall, xefe do tranvía de Marín a Pontevedra e ademais cómico amador e dramaturgo, conta a historia do tranvía Leonardo desde o seu nacemento en Bruxelas ata a súa vellez, coa intención de que o propietario, o Marques de Riestra, o xubile e lle dea o seu merecido retiro. Ademais das historias do tranvía Leonardo, Tafall relata algunhas das anécdotas máis simpáticas dos seus tripulantes: Moncho o maquinista e Ramón o do fogón; e dalgúns dos seus pasaxeiros mais famosos: Xosé Echegaray, o médico Guillermo, a cega Morcega, a mestra Trini Trapa e o “loro Ravachol”.




