As corporacións de Noia e Outes rexeitan as verteduras de San Fins


As Corporacións municipais de Noia e Outes veñen de amosar o seu rexeitamento á proposta de autorización de verteduras nas minas de San Fins emitida por Augas de Galicia, ente dependente da Xunta de Galicia. O rexeitamento foi proposto en Noia polos grupos do BNG, A Marea e PSdG. As tres agrupacións salientaron o feito de que a postura en contra das autorizacións se dese “precisamente” nas dúas localidades que comparten o ámbito da Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, “un dos principais colectivos damnificados pola decisión”, recordan, ao tempo que fan saber que en Noia a solución foi adoptada por unanimidade da sesión plenaria. No caso de Outes, a proposta partiu do BNG e a resolución foi apoiada por todos os grupos coa excepción da abstención do PP. Así mesmo, esta proposta será presentada no pleno da Corporación de Lousame, municipio onde se atopa a mina de San Fins, este venres.

Concentración en Noia en contra da mina

Así, as corporacións de Noia e Outes instaron aos seus gobernos locais a colaborar e facer parte das alegacións que presente a Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia e outros colectivos interesados. Ademais, no caso de que non prosperasen estas alegacións, estableceuse o compromiso de “estudar a posíbel interposición de recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por ser tal decisión contraria aos intereses da veciñanza de Noia, así como a colaborar e apoiar á Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia en todas aquelas vías legais ou administrativas que decidan desenvolver ao respecto”, sinalaron.

Os edís destes plenos municipais instaron tamén á Xunta a “impedir calquera proceso de explotación das minas de San Fins mentres que non se teña aprobado un novo plan de explotación sometido a proceso de avaliación ambiental rigoroso; que non se conte co desenvolvemento previo dunha restauración ambiental da contorna da mina de San Fins, incluíndo a retirada dos residuos mineiros almacenados nas presas n.º 1 e n.º 2 e a súa demolición; así como que non conte co establecemento de fianzas ambientais á empresa concesionaria cunha contía dunha relevancia suficiente para cubrir impactos sobre o medio natural e a actividade económica na nosa comarca”. Ademais, solicitaron á Administración galega “facer un seguimento estrito da calidade das augas na contorna da mina de San Fins, desde este mesmo momento e durante todo o proceso para dar cumprimento ás medidas requiridas”.

Alén diso, as corporacións manifestaron “a súa desconfianza” na explotación das minas de San Fins por parte dunha adxudicataria que “ten unha longa historia de mentiras e accións irregulares por parte da empresa adxudicataria nun intento por conseguir desenvolver a explotación do lugar sen cumprir coas garantías ambientais pertinentes” e lembraron que os “informes técnicos de profesionais da Xunta de Galicia teñen corroborado a responsabilidade da concesionaria da mina sobre as presas de residuos tóxicos”.