Ambar, asociación da nosa comarca centrada na integración de persoas con diversidades funcionais e cognitivas, presentou a súa iniciativa Mar Diverso no Auditorio de Vilagarcía, este 20 de xullo ás 17.30 horas. Na cita foi inaugurada por Milagros Pérez Rey, presidenta da asociación, que explicou que Mar Diverso é un festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro de Ambar. Na presentación tamén participaron Zeltia Iglesias, técnica de inclusión de Ambar, Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra, Carlos Iglesias, alcalde da Illa de Arousa, Fátima Abal, concelleira do mar de Cambados, Rosa Carballo, xerente do Grupo de Acción Local Pesqueira, e Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo.

Seguido da apertura do acto, proxectouse un vídeo presentado por Zeltia Iglesias, no cal aparecen todos os artistas que colaboran en Mar Diverso. Dito vídeo está na colgado nas redes e na canle de youtube da Asociación Ambar.
Mar Diverso é un festival de artes escénicas e plásticas inclusivo que pon en valor o patrimonio mariñeiro a través de accións artísticas de persoas con diversidade funcional dentro da contorna costeira da ría de Arousa, cuxo obxectivo é vencellar creación, inclusión e territorio.
Esta iniciativa é posíbel grazas á financiamento do GALP Ría de Arousa e contribúe á visión de futuro da estratexia EDLP fomentando que toda a ría de Arousa sexa vista de “maneira integrada de cara á dinamización do territorio”.
O comezo de Mar Diverso será este venres 22 de xullo na praza de Fefiñáns de Cambados ás 22:30H. Achegarase unha peza escénica dirixida por Fran Sieira. O bailador estivo traballando co grupo de artes escénicas de Ambar formado por formado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e Mercedes Ríos.
“Deunos a oportunidade de ir máis alá de enxalzar o patrimonio marítimo costeiro. Puidemos conectar cos propios artistas do proxecto e que eles tamén puideran coñecer e apreciar a esencia da diversidade, levando parte do proxecto con eles ao mesmo tempo”, sinalou Zeltia Iglesias.



