“Adulterar o plan do Museo Valle- Inclán da Proba, entre outras chapuzas”. Felipe Senén

09 Xullo 2022
Felipe-Senén López (Museólogo)

Cando se fala á lixeira de crear museos, de musealizar e de plans expositivos, non sobra seguir a explicar o que é un museo e a museoloxía como ciencia da xestión destes centros. Museos que se pretende de actores máis que de espectadores, en función da ética e da estética, tamén das novas tecnoloxías: centros pra informar e formar, en constante evolución.
E sabemos que non é fácil crear un museo real ―fronte ás campantes virtualidades― con canto aquel implica de continente, de contidos e de función social: conseguir espazos axeitados, adaptalos, facerse con artefactos orixinais que nos axuden a complementar o crebacabezas da historia, a estudialos, documentalos, seleccionalos, a expoñer e explicar cunha secuencia lóxica ou, en todo caso conservalos entre os fondos en reserva pra futuras exposicións.

En fin, entender o museo cunha misión de sensibilización, pra atraer aos de dentro e aos de fora, pra ser referente, como na Pobra do Caramiñal ven sendo o Museo Valle- Inclán dende o seu camiño á especialización iniciado en 2006, o pazo que nunca tivo, quixo ter e por fin, agora ten a memoria de don Ramón María del Valle-Inclán. Ese espazo son as renacentistas Torres de Bermúdez, noutrora mirando a ise seu mar de Arousa, estrutura soberbia onde acoller o “genius loci”, as misteriosas sombras do espírito do creador das sonatas e dos esperpentos.

Referentes, recursos identitarios, patrimoniais e turísticos e cos que, non sempre, se ten sensibilidade para dialogar con eles, entendelos e respectalos.

Si o difícil é crear o fácil é destruír, enchafallar, chiringuitizar, adulterar os argumentos orixinais, os que determinan orixinalidade, como está acontecer co plan e a traxectoria do Museo Valle-Inclán da Pobra, tampouco é o único caso en Galicia.

Partimos do principio de que tan “culto” é o xeito de facer como o xa feito. Entendendo que non se debe intervir, cando un profesional dos que profesan o que fan, como é Antonio González Millán, director do Museo estando de baixa por enfermidade, non se consulte, se ignore o plan museográfico, os compromisos, pra, aproveitándose da súa eventual ausencia, dende os poderes públicos municipais, se desmonte o montado con criterio e se instale algo que non encaixa cos fins, nin co criterio profesional, nin cos seus fondos o que ben puidera ter sitio máis axeitado noutros espazos.

Museo de Valle- Inclán da Pobra do Caramiñal no que, deica aquí, se ven gastando saber e sensibilidade coa ansia de devolver a don Ramón del Valle-Inclán ―ise xenio que coloca a Galicia, á Barbanza e a súa ría no mapamundi―, o seu “locus amoenus”, á cerna da súa inspiración, o lugar de ida e volta. Torre-Museo  que non soamente son referente, senón que ao albeiro da luz desta torre-faro naceron e compiten moitas outras iniciativas. Aquí maduran aquelas vellas ilusións, as que lle temos escoitado a leais “barbanzónicos”, entre eles a Carlos García Bayón. Nesa tarefa de construír, Antonio González vixía e procura canto pode enriquecer este centro, atrae e implica á familia Valle-Inclán, adquire, faise con legados de colaboradores para incorporalos a un proxecto museográfico coherente e niso sigue, pese ás pedras do camiño.

Pero velaí, topamos coa aculturación campante, coa arbitrariedade, mesmo coa ignorancia, causas que teñen os seus efectos. Pois a cultura ou a incultura lévase posta e esta denótase na falla de sensibilidade, na chapuza, nos intervencionismos, nas “tonechadas” oficiais, interferencias fronte á profesionalidade… e velaí iso que chamamos feísmo e que tanto abrangue a estruturas, como a comportamentos e tantas veces ás mesmas administracións.
Así que polo que enxergamos aínda alguén non entende a misión dun Museo dedicado a Valle- Inclán e velaí o elefante que entra na cacharreiría.

Non é novo o problema nesta Galicia nosa, onde dende os poderes públicos, edulcorados na adulación, son capaces de exercer certa tiranía, tinxida de “democrática”, e prolongan a súa parva ilustración ao territorio público, mesmo aproveitando os momentos baixos dos profesionais. Tan sequera sen saber o seu papel e funcións, entender que o máis listo é o que teñen o teléfono de todos os listos. E Antonio González é a peza axeitada nese taboleiro de xadrez. A il pódese aplicar o dito de “que buen vasallo si oviesse buen señor”.

Sen clientelismos, sen dogmatismos, sen prepotencias de cargos de paso teríamos repúblicos respectuosos cos especialistas dos museos, xefaturas técnicas como a dirección facultativa dun centro, presente ou ausente temporalmente, a quen por oficio e por lei competen así o discurso divulgativo dunha casa museo como a responsabilidade da tutela e conservación dos fondos dunha institución museística. A ninguén mais.

De políticos sabios cabería agardar axiña un prudente propósito de emenda. 1.- A corrección, a rectificación, o respecto polo museo, pola figura do escritor, polos colaboradores e as súas obras, polo saber alleo, a inmediata retirada dunha mostra escolar fora de todo lugar por obvias razóns. 2.- A pronta reposición da sala de iconografía valleinclaniana afectada ao estado razoado con que foi concibida, devolvéndolle a orde e o contexto que corresponde a un museo oficial e ao seu patrimonio propio. Abrir un museo a novos públicos non é desmantelar unhasala nin agochar nin desnortar os seus fondos para mostrar artefactos ao chou, ao que parece, pensando quizais en intereses e réditos alleos ao museístico.
Sabemos que o que está de ser será, que ao fin e ao cabo a profesionalidade vence e que “el que más vale, no vale tanto como vale Valle”, un teimudo profesional das letras.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...