A Xunta lembra que as familias con nenos de ata 12 anos poden solicitar o Bono Coidado para o pago dos campamentos de verán

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá os participantes no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son

A Xunta lembrou que as familias con nenos de ata 12 anos poden solicitar o Bono Coidado para o pago dos campamentos de verán e outros recursos de conciliación. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá os 120 mozos de entre 14 e 15 anos que participan estes días na segunda quenda do campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, centrado en actividades acuáticas.

Fabiola García puxo en valor que a campaña de verán da Xunta de Galicia para este ano é a máis ampla e variada da historia ao contar con 10.800 prazas en distintas actividades repartidas por toda a xeografía galega e destinadas a mozos de distintas idades. A conselleira sinalou que, ademais de ofrecer alternativas de ocio e aprendizaxe non formal para a xuventude, os campamentos de verán permiten que as familias poidan compatibilizar a súa vida laboral e familiar durante as vacacións escolares.

Neste sentido, destacou que este pasado luns abriu o prazo para solicitar o Bono Coidado, unha axuda directa para facer fronte aos gastos destes servizos ou doutros como ludotecas ou espazos infantís para nenos de ata 12 anos. Ademais, esta axuda serve para contratar servizos de conciliación durante o resto do ano en caso de enfermidade do neno ou do coidador habitual, ou ante situacións imprevistas.

Prazo aberto ata o 30 de setembro

As contías ascenden a 500 euros por unidade familiar no caso de que sexa destinada á contratación dunha persoa empregada do fogar ou a 200 euros para a asistencia a un servizo de conciliación como é o caso dos campamentos de verán. O prazo de solicitude destas axudas, que o pasado ano chegaron a 1.000 familias, estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

A conselleira afirmou que esta iniciativa é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa conciliación e que se suma a outras medidas como a gratuidade das escolas infantís de cara ao vindeiro curso, que situará á nosa Comunidade como pioneira a nivel estatal. Tamén destacou que a Xunta pon a disposición das familias máis axudas como a Tarxeta Benvida, que permite facer fronte á compra dos produtos básicos dun bebé e que ten beneficiado desde a súa posta en marcha no ano 2016 a máis de 78.000 familias galegas.