RIMARTES pecha en Porto do Son a difusión do noso patrimonio subacuático a través do I Certame de Fotografía Submarina en Pecios


A cuarta e última proba do I Certame de Fotografía Submarina en Pecios organizado no marco do proxecto “ RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo” celebrouse hoxe pola mañá na localidade de Porto do Son. Desde a Mariña, sede do centro de mergullo anfitrión, Mergullo Compostela, unha ducia de mergulladores partiron cara ao pecio do vapor inglés Horatio, na entrada da ría de Muros-Noia.
Entre os participantes había socios dos clubs CAS Nautilus de Fene, así como afeccionados da comarca de Santiago e do Barbanza.
O grupo foi recibido polo alcalde da localidade, Luís Oujo Pouso, a tenente de alcalde, María Maneiro Quintáns; e a xerente do GALP Costa Sostible, Manuela Oviedo Hermida.
Tamén se achegaron os patróns maiores de Porto do Son e Portosín, Emilio Queiruga Santamaría e Isaac Gaciño Santos, respectivamente.
Para finalizar, e como vén sendo habitual, o grupo de mergulladores foi convidado a unha degustación de produtos do noso mar nun restaurante local.

Un mes de concurso
O concurso de RIMARTES empezou o sábado 28 de maio na Coruña, seguiu o 4 de xuño en Malpica e a penúltima proba foi o pasado sábado, 11 de xuño en Fisterra. En total, uns 50 participantes afeccionados ao mergullo recreativo coñeceron o noso patrimonio subacuático a través dos restos dos barcos afundidos Rytterholm “O Chinés”, Pilar Blanco, Solway, Mount Parnes e hoxe, do Horario. Desde mañá, todos os participantes terán 15 días para seleccionar as fotos que presentará ao certame e que optarán a un dos sete premios.
Ademais, as imaxes incorporaranse a unha exposición fotográfica itinerante para a posta en valor do noso patrimonio subacuático, a promoción do deporte do mergullo e para dar a coñecer o territorio dos promotores deste proxecto de turismo sostible.
Historia do Horatio (+ info)
A historia do vapor inglés Horatio foi documentada por Marcial de Martín Vázquez en colaboración co centro de mergullo Mergullo Compostela. O barco entrou por erro na ría de Muros-Noia cando se dirixía a Corcubión a cargar carbón. O oficial confundiu o monte Louro co cabo Fisterra e, por descoñecemento da zona, rozou nos baixos da Ximiela ou de Vos Meixidos. Era o 20 de abril de 1904 e despois dun mes e dez días varado no baixo de Ou Xorexo coa adega de proa asolagada e inclinado sobre o costado de babor, carabineiros defendendo a carga e homes contratados sacándoa do buque para alixeirar peso, acabou a súa travesía nesta parte do Atlántico.
O 31 de maio de 1904, o buque sufriu as consecuencias dun forte temporal que agravou os danos, partíndose polo terzo de proa e afundíndose ao día seguinte. O Horatio foise a pique no baixo de Ou Xorexo que, desde entón, os mariñeiros da ría chaman “o baixo do vapor”. Non houbo vítimas entre a tripulación.
O cargamento oficial era trigo, millo, cebada, cortiza, fariña (2.000 t), linaza e madeiras finas (600 t), pero varios indicios apuntan a que o Horatio era, en realidade, un buque contrabandista.

Supostamente, o Horatio transportaba un cargamento de armas procedente de Odessa (hoxe cidade de Ucraína e entón, rusa) vía Hull, onde fora adquirido para ser vendido a Xapón, enfrontado con Rusia polo conflito de Manchuria. En 1905, os restos do Horatio foron adquiridos pola compañía Juan Barbeito, que
procedeu ao despezamento do cobre e do metal. A finais dos anos cincuenta, a empresa de Antonio
Lestón Pardiñas fixo unha prospección no pecio, pero como as placas metálicas non eran de boa calidade, deixáronas. Unha placa da caldeira do Horatio pode verse no Museo Marea de Porto do Son.
Vestixios en terra
O I Certame de Fotografía Submarina en Pecios enmárcase no proxecto RIMARTES que impulsan os GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur para poñer en valor a importancia do patrimonio subacuático -en concreto os pecios- e a nosa cultura marítima, ademais de dar visibilidade a actividades turísticas e deportivas que xorden ao redor do mergullo recreativo e dos xacementos visitables a través dos centros de mergullo das localidades nas que se celebra o torneo. Neste sentido, outra da accións de RIMARTES é a creación de tres roteiros emocionais para coñecer os vestixios dos naufraxios en terra.

Entre os tres GALP abarcan 25 concellos litorais como son Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.