Ribeira mellorará dous camiños en Oleiros cunha subvención de AGADER

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) vén de confirmar ao Concello de Ribeira a concesión dunha axuda de 55.418,37 euros ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022-2023. Esta axuda, sinalou o Goberno local, vai permitir actuar no firme de dous camiños situados na parroquia de Oleiros: o que vai da Eirexa a Gándara e o situado en Meiladín.

No que respecta ao camiño da Eirexa a Gándara, de 660 metros de lonxitude, o Concello explica que ten un firme de aglomerado asfáltico deteriorado. As obras de mellora previstas contemplan a roza e limpeza da vexetación, a aplicación dunha subbase de saburra, a regularización do camiño con aglomerado en quente nas zonas de fochancas e esconchados, e a extensión dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor en toda a lonxitude e ancho da vía.

No que se refire ao camiño de Meiladín, de 445 metros de longo e feito de aglomerado asfáltico, o seu estado de conservación “tamén é defectuosa”, lembra o Goberno local, engadindo que “as obras de mellora prevén a roza e a limpeza da vexetación, a preparación das marxes do camiño, a regularización do mesmo botando aglomerado en quente nas zonas de fochancas e esconchados, a aplicación dunha subbase de saburra nas marxes e a extensión dunha capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor en toda a lonxitude e ancho da vía”.

O orzamento base de licitación ascende a 67.056,23 euros e o prazo de execución son dous meses.